A Xunta expón o novo modelo de residencias galego nas ‘V Jornada Humanización’ da Asociación de Centros Geriátricos del Principado de Asturias

Destacou os piares básicos que sustentan o modelo galego: a formación continua e a humanización, as novas tecnoloxías, a coordinación sociosanitaria e as melloras arquitectónicas

A Xunta expón o novo modelo de residencias galego nas ‘V Jornada Humanización’  da Asociación de Centros Geriátricos del Principado de Asturias

Oviedo, 20 de novembro de 2022 O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, expuxo o novo modelo de residencias que está a promover a Xunta de Galicia na V Jornada Humanización: Modelos de Coordinación Sociosanitaria, organizada en Oviedo pola Asociación de Centros Geriátricos del Principado de Asturias.

 

A cita, que contou tanto coa participación de directores xerais de Asturias e Navarra, como con expertos en xerontología, está dirixida a profesionais deste campo que traballan en residencias e outros tipos de centros de atención a persoas maiores.

 

Antón Acevedo foi un dos conferenciantes da xornada e durante a súa intervención puxo en valor o novo modelo de residencias que xa se está a aplicar nos centros galegos e que conta con catro piares básicos: a formación continua e a humanización, as novas tecnoloxías, a coordinación sociosanitaria e as melloras arquitectónicas.

 

Nesta liña, explicou que en Galicia xa se están a incorporar importantes avances que facilitan o traballo dos profesionais e melloran o benestar dos usuarios con novas medidas como monitores multiparamétricos ou habitacións intelixentes con sensores que avisan se unha persoa sufre unha caída ou deambula pola noite.

 
Así mesmo, Antón Acevedo subliñou outras iniciativas que se están poñendo en marcha como a implantación dunha certificación de calidade das residencias galegas, o plan de formación dos profesionais, a incorporación da última versión da Historia Clínica electrónica ou a construción de unidades de coidados intermedios, nos que se atenderán ás persoas que xa recibiron a alta médica pero seguen requirindo coidados especializados.