A Xunta aposta polo acollemento familiar como mellor garante da protección da infancia

Os orzamentos da Xunta para o ano 2023 inclúen a aprobación do primeiro Plan de Impulso do Acollemento Familiar de Galicia e un incremento do 20% das axudas que reciben as familias para a manutención dos nenos
 

O Goberno galego puxo en marcha un programa de acollemento familiar especializado para seleccionar os fogares participantes

A Xunta aposta polo acollemento familiar como mellor garante da protección da infancia

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2022 O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, asistiu á celebración do Día do Pixama nos colexios de La Salle en Santiago e no CPI Antonio Oza de Boqueixón, unha iniciativa organizada pola asociación Acougo para promover o acollemento familiar. Durante o evento, sinalou que a Xunta de Galicia aposta polo acollemento familiar por ser garante da protección da infancia.

 

Neste sentido, o director xeral lembrou que os orzamentos para o ano 2023 inclúen a aprobación do primeiro Plan de Impulso do Acollemento Familiar de Galicia, que permitirá, entre outras medidas, incrementar nun 20% os fondos para aumentar as axudas que reciben estas familias.

 

Así mesmo, sinalou que o Goberno galego puxo en marcha un programa de acollemento familiar especializado para seleccionar aqueles fogares nos que, polo menos, un dos proxenitores dispoña dunha cualificación profesional específica. Unha medida que contará cun orzamento de 1,1 millóns de euros.

 

Día Internacional da Infancia

Esta iniciativa coincide coa celebración do Día Internacional da Infancia, que ten lugar este domingo. O director xeral sinalou que as administracións deben amosar o seu compromiso cunha infancia feliz e poñer sobre a mesa proxectos e iniciativas que lle permitan os menores en situación de desprotección desenvolver un proxecto de vida en igualdade de oportunidades.