O centro LUG2 da Xunta premiado pola Red Española de Albergues Juveniles por un proxecto para a mellora da accesibilidade

O albergue lucense tamén recibiu o Selo Compromiso co que esta entidade certifica a calidade das súas instalacións e o seu compromiso tanto social como medioambiental

O centro LUG2 da Xunta premiado pola Red Española de Albergues Juveniles por un proxecto para a mellora da accesibilidade

Sevilla, 17 de novembro de 2022

Un proxecto para facilitar o acceso a persoas con mobilidade reducida presentado polo albergue LUG2 da Xunta resultou gañador das liñas de axuda da Red Española de Albergues Juveniles (REAJ) de accesibilidade. Este recoñecemento coñeceuse no marco da celebración en Sevilla do XV Encontro de directores de albergues REAJ, entidade da que forma parte Galicia, que estivo representada pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel.

 

Cristina Pichel destacou que esta distinción é unha mostra máis da calidade das instalacións xuvenís coas que conta Galicia e do compromiso do Executivo autonómico por facer da súa rede de albergues espazos sostibles, inclusivos e tolerantes. O LUG2 recibirá 4000 euros para poder executar a súa proposta, titulada ‘Aquí comemos todos’ e que foi seleccionada tras obter a maior puntuación logo dunha votación técnica e popular.

 

Ademais, o albergue lucense recibiu o Selo Compromiso REAJ, un distintivo que certifica a calidade das súas instalacións, xa que premia os altos estándares de calidade e o seu compromiso tanto social como medioambiental. Este selo baséase no cumprimento de 105 ítems que se comproban cunha serie de auditorías que debe superar o establecemento e garante que tanto as instalacións do albergue como os servizos que nelas se levan a cabo contan cun alto grao de calidade. O centro LUG2 recibiu o distintivo xunto cos albergues San Fermín de Madrid e Villafranca del Penedés de Barcelona.

 

Instalacións de Bela Muxía

Estes dous recoñecementos á instalación xuvenil de Lugo súmanse ao obtido hai dous anos por outro albergue galego, o Bela Muxía, que tamén se fixera entón con dúas axudas da REAJ por unha contía total de 8000 euros para o desenvolvemento de actuacións de accesibilidade e sustentabilidade.

 
 

Neste encontro directivo de Sevilla abordáronse, entre outros temas, novos proxectos como o carné de alberguista dixital, o papel do voluntariado para potenciar estes equipamentos, as boas prácticas e a accesibilidade, a optimización da xestión ou o uso das redes sociais.