A Xunta subliña que a Lei de impulso demográfico reforza medidas tranversais para axudar ás familias e mellorar os servizos no rural

Entre outras, esta normativa permitiu a extensión da gratuidade na atención educativa das escolas infantís a todos os nenos de 0 a 3 anos, mellorar o Bono Coidado para chegar a máis persoas ou a dedución fiscal das familias con fillos
 

Jacobo Rey salientou que moitas das iniciativas do Goberno galego “están a ser imitadas por outras comunidades autónomas do resto de España”

A Xunta subliña que a Lei de impulso demográfico reforza medidas tranversais para axudar ás familias e mellorar os servizos no rural

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022 O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, salientou hoxe que a Lei de Impulso Demográfico, aprobada no Parlamento de Galicia no 2021, permite reforzar medidas transversais para axudar ás familias e mellorar servizos no rural. Así o puxo en valor nunha resposta a unha pregunta parlamentaria na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego.

 

Jacobo Rey recordou que esta normativa foi “a primeira destas características que se aprobou en España”, polo que a Xunta de Galicia foi pioneira ao elevar a rango de lei unha cuestión como o reto demográfico. Así mesmo, subliñou que, con posterioridade, outras comunidades impulsaron textos lexislativos no mesmo eido.

 

Aínda que explicou que a Lei de Impulso Demográfico terá efectos a medio e longo prazo, destacou que nos últimos meses a Xunta de Galicia ten avanzado con medidas concretas no seu desenvolvemento, que “ten que ser progresivo e transversal, involucrando a todas as administracións e departamentos”, sinalou.

 

Medidas

Deste xeito, recordou medidas reforzadas coa normativa e que afectan directamente ás familias con fillos como a extensión da gratuidade na atención educativa nas escolas infantís a todos os nenos de 0 a 3 anos; a mellora do Bono Coidado para chegar a máis familias; ou a consolidación da Tarxeta Benvida como medida de apoio ás familias galegas canto teñen un fillo e cun investimento anual superior aos 30 millóns de euros.

 

A nivel fiscal, Jacobo Rey puxo en valor novas deducións fiscais que se lle aplicarán na declaración da renda de 2023 ás familias con dous fillos, que serán consideradas como numerosas; e ás familias numerosas, que se lles mellorará a actual dedución da que se benefician.

 

Tamén destacou outras iniciativas que redundan na posta en marcha e a ampliación de servizos no rural como as casas do maior, as casas niño, as unidades de atención temperá ou o programa de Coidados Porta a Porta. A maiores disto, fixo fincapé na aprobación do Plan de Familias Numerosas e nas accións impulsadas para a prevención e protección da saúde infantil, como a incorporación das novas vacinas contra o virus do papiloma humano, a meninxite B e a gripe no calendario de vacinación infantil.

 
Por último, o director xeral salientou a satisfacción polo éxito destas medidas e explicou que moitas destas iniciativas “están a ser imitadas por outras comunidades autónomas do resto de España”.