O programa ‘Coidados Porta a Porta’ da Xunta atendeu a máis de 22.000 galegas e galegos

Oito unidades móbiles comezaron o pasado mes de marzo unha ruta por todos os concellos galegos, agás as sete cidades, ofrecendo servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria
 

Os autobuses repetirán o percorrido para darlle a oportunidade a máis persoas de recibir estes servizos e ofrecer un seguimento os que xa se beneficiaran deles

O programa ‘Coidados Porta a Porta’ da Xunta atendeu a máis de 22.000 galegas e galegos

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2022 O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, salientou hoxe que o programa Coidados Porta a Porta atendeu a máis de 22.000 galegos. Fíxoo hoxe nunha resposta a unha pregunta sobre esta iniciativa na Comisión 5ª de Sanidade, Política social e Emprego.

 

Antón Acevedo recordou que programa de Coidados porta a porta da Xunta de Galicia rematou o seu primeiro percorrido por todos os concellos galegos, agás as sete cidades, e que xa está a realizar a segunda volta. O director xeral explicou que esta iniciativa permite levar ao carón dos fogares das persoas maiores de 55 anos servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria.

 

Neste sentido, subliñou que o programa desenvólvese no marco dun obxectivo principal que é achegar ás persoas de máis idade, vivan onde vivan, servizos que lles permitan mellorar a súa calidade de vida e manterse autónomos. Así, Coidados Porta a Porta permite incidir na importancia de achegar os servizos ao carón das persoas maiores para que poidan vivir esta etapa das súas vidas onde eles prefiran.

 

Así mesmo, o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria recordou que mesmo fin perseguen outras iniciativas impulsadas e reforzadas pola Xunta de Galicia como é a Teleasistencia, o Xantar na Casa ou o programa de Benestar en Balnearios.

 

Calendario

Para saber onde se encontrarán estes autobuses no que queda de novembro e no mes de decembro, pódese visitar a páxina web da Consellería de Política Social e Xuventude, que recolle o seu emprazamento día por día.

 
Para participar neste programa, os usuarios tan só teñen que solicitar cita previa nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do seguinte enderezo electrónico: coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.