A Xunta apoia a formación como ferramenta para favorecer o envellecemento activo

Este ano incrementouse ata os 190.000 euros o convenio de colaboración con Ategal, un 25% máis que o anterior

A Xunta apoia a formación como ferramenta para favorecer o envellecemento activo

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2022

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, destacou hoxe a importancia que teñen as Aulas Sénior da Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal) para que as persoas maiores amplíen os seus coñecementos e manteñan unha vida activa. Díxoo no acto de inauguración da nova programación de Ategal, que se celebrou no Hostal dos Reis Católicos.

 

Antón Acevedo fixo fincapé no compromiso desta entidade co benestar dos maiores a través da formación, como ferramenta para fomentar tanto a participación como as relacións sociais. En este sentido, garantiu o compromiso da Xunta con aquelas iniciativas que, como os cursos de Ategal, favorecen o envellecemento activo e saudable. De feito, a Xunta incrementou este ano nun 25% o convenio de colaboración con Ategal, acadando os 190.000 euros. Este aumento permitirá rebaixar o 10% a matrícula e impulsar todas as actividades presenciais, que foran pausadas pola covid-19. O obxectivo é superar de novo o millar de alumnos.

 

Ademais, o director xeral referiuse ao reforzo dos recursos dirixidos ás persoas maiores para que hoxe en día teñan máis alternativas que nunca para poder elixir libremente como e onde vivir esta etapa das súas vidas. Con este fin, lembrou que o orzamento para o 2023 contará con 438 millóns de euros para a atención aos maiores, un 4% máis que este ano. “Destinaremos máis fondos que nunca para seguir garantindo a promoción da autonomía das persoas de máis de idade”, apuntou.

 

Programa

O programa de Ategal engloba actividades de formación dirixidas aos nosos maiores en catro áreas diferentes. Na área cultural inclúense seminarios de historia, de linguas, de literatura e de xeografía; a de dinámica ocupacional conta con obradoiros de debuxo, pintura, manualidades, teatro ou música; e na área de saúde integral ofrécense actividades como ximnasia, ioga, tai-chi, pilates ou obradoiros de memoria. Por último, dentro do ámbito de lecer organízanse viaxes de fin de curso, visitas culturais, asistencia a concertos, conferencias ou encontros entre as diferentes aulas sénior.