A Xunta participa no 20º Encontro autonómico de persoas autoxestoras que organiza Fademga Plena Inclusión Galicia

Os orzamentos de 2023 incrementan nun 16% os fondos destinados á atención á discapacidade, superando os 165 millóns de euros

Persoas con discapacidade intelectual de toda a Comunidade debaten sobre a asistencia persoal, o emprego ou a reforma da Lei da capacidade xurídica, entre outros temas

A Xunta participa no 20º Encontro autonómico de persoas autoxestoras que organiza Fademga Plena Inclusión Galicia

Lalín (Pontevedra), 11 de novembro de 2022

O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, asistiu esta mañá á inauguración do 20º Encontro autonómico de persoas autoxestoras que organiza Fademga Plena Inclusión Galicia. Nesta cita, que se desenvolve hoxe e mañá no Hotel Spa Norat Torre do Deza, reúnense persoas con discapacidade intelectual de toda a Comunidade para debater sobre os temas que máis lles interesan e para compartir experiencias.

 

González Abeijón puxo en valor o traballo que realiza Fademga e as entidades que a integran e garantiu o compromiso do Goberno galego de seguir traballando pola integración real e a igualdade de oportunidades. Neste sentido, destacou que os orzamentos da Consellería de Política Social e Xuventude para 2023 destinan máis de 165 millóns de euros para a atención á discapacidade, o que supón un aumento do 16% con respecto ao destinado a esta área este ano.

 

A primeira xornada deste encontro autonómico dedícase á figura do asistente persoal como ferramenta de independencia e á celebración dun panel de expertos sobre a reforma da lei de capacidade xurídica das persoas. O programa de mañá sábado inclúe un relatorio sobre as redes sociais e tres obradoiros centrados no emprego, a sexualidade e o maltrato.