A Xunta destaca a traxectoria do artista urbano Mon Devane, gañador do Xuventude Crea no ano 2015

Pon en valor este programa que leva trece anos impulsando e dando a coñecer as creacións da xuventude galega en distintas disciplinas artísticas
 

Neste tempo foron máis de 4000 os mozos e mozas de entre 16 e 30 anos premiados e preto de 3000 os proxectos creativos e obras presentadas a este certame
 

O Goberno galego está nestes días dando a coñecer os gañadores do Xuventude Crea na edición deste ano 2022

A Xunta destaca a traxectoria do artista urbano Mon Devane, gañador do Xuventude Crea no ano 2015

Ourense, 4 de novembro de 2022 A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, participou esta tarde nun coloquio celebrado no Espazo Xove de Ourense, dentro da programación do festival Musgo, co artista urbano Mon Devane, gañador do programa Xuventude Crea no ano 2015 na categoría de graffiti (actualmente arte urbana). Durante o encontro destacou a súa traxectoria artística que lle permitiu levar as súas creacións por toda Galicia e por países como Grecia, os Estados Unidos, México, Bolivia, Italia, Francia ou Inglaterra entre outros. Tras o coloquio actuou Alicia Otero, gañadora do Xuventude Crea 2021 na categoría de música.

 

A directora xeral puxo en valor o citado programa da Xunta de Galicia, que durante os últimos trece anos leva recoñecendo o talento da xuventude e impulsando as súa creacións para que se inicien no mundo do arte. Así mesmo, lembrou que nestes momentos estanse a coñecer os gañadores da última edición deste programa nas 14 categorías: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, arte urbana, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, creación de videoxogos, fotografía e artes plásticas (esta última comprende as modalidades de pintura e escultura).

 
Desde que hai trece anos tivo lugar a primeira convocatoria do Xuventude Crea, xa son máis de 4000 os mozos e mozas de entre 16 e 30 anos premiados e preto de 3000 os proxectos creativos e obras presentadas a este certame. Na edición deste ano 2022 participan un total de 350 artistas con 280 obras que, de novo, contarán con apoio por parte da Xunta de Galicia para dar a coñecer as súas creacións. Compre destacar, ademais, que todas aquelas premiadas ao longo dos últimos anos exhíbense nun museo dixital recen estreado: www.museoxuventudecrea.gal.