O programa ‘Coidados Porta a Porta’ atendeu a 7.100 persoas na provincia da Coruña no seu primeiro percorrido por toda Galicia

Oito unidades móbiles comezaron o pasado mes de marzo unha ruta por todos os concellos galegos, agás as sete cidades, ofrecendo servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria
 

A provincia da Coruña foi a que máis persoas atendeu, seguida de Ourense con 5900, Pontevedra con 4800 e Lugo con 4700
 

As unidades repetirán o percorrido para darlle a oportunidade a máis persoas de recibir estes servizos e ofrecer un seguimento os que xa se beneficiaran deles

O programa ‘Coidados Porta a Porta’ atendeu a 7.100 persoas na provincia da Coruña no seu primeiro percorrido por toda Galicia

Ortigueira (A Coruña), 2 de novembro de 2022 O programa de Coidados porta a porta da Xunta de Galicia rematou o seu primeiro percorrido por todos os concellos galegos, agás as sete cidades, no que atendeu a 7100 persoas na provincia da Coruña. O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, acompañado da delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou hoxe unha das oito unidades en funcionamento ao seu paso polo concello coruñés de Ortigueira onde permanecerá ata mañá xoves.

 

Esta iniciativa permite levar ao carón dos fogares das persoas maiores de 55 anos servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria. Para participar neste programa, os usuarios tan só teñen que solicitar cita previa nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do seguinte enderezo electrónico: coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal.

 

A provincia que máis persoas leva atendidas é a da Coruña con 7100 usuarios, seguida da de Ourense con 5900, Pontevedra con 4800 e Lugo con 4700. As unidades repetirán agora o percorrido para darlle a oportunidade a máis persoas de recibir estes servizos e ofrecer un seguimento os que xa se beneficiaran deles. Este programa desenvolveuse por primeira vez de maneira piloto en 2019, cunha moi boa acollida entre os concellos e a veciñanza, de aí que este ano se recuperase e ampliase a todos os municipios galegos.

 

Servizos de proximidade

O director xeral sinalou que esta iniciativa permite incidir na importancia de achegar os servizos ao carón das persoas maiores para que poidan vivir esta etapa das súas vidas onde eles prefiran. Ademais deste programa, o Executivo autonómico está a reforzar outros servizos para que os maiores que viven en concellos pequenos teñan as atencións que necesitan para seguir coas súas vidas nas súas contornas.

 
A este obxectivo responde o incremento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), co que se levan coidados profesionais aos domicilios dunhas 25.000 persoas; o deseño dunha nova estratexia de Teleasistencia, para aumentar nun 50% o número de maiores que contan con apoios tecnolóxicos nas súas vivendas ou as axudas para crear máis dun centenar de Casas do maior, pequenos centros para favorecer o envellecemento activo e saudable nos concellos de menos poboación.