A Xunta pon en marcha unha nova edición do programa formativo e de lecer para a mocidade Outono Xove, con preto de 900 prazas

Ofértanse dez programas diferentes que se desenvolverán en albergues xuvenís e residencias de tempo libre situadas en diferentes localidades do territorio galego

As inscricións abriranse o mércores da vindeira semana, día 2 novembro, a partir das 10:00 horas

Os grupos de participación dividiranse en dous tramos de idade: de 14 a 17 anos e de 18 a 30 anos

Esta programación especial en novembro e decembro complétase con actividades nos 12 Espazos Xoves
 

A Xunta pon en marcha unha nova edición do programa formativo e de lecer para a mocidade Outono Xove, con preto de 900 prazas

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2021.- A Consellería de Política Social e Xuventude pon en marcha a segunda edición da iniciativa Outono Xove, con 880 prazas dispoñibles para que a mocidade galega desfrute de actividades de lecer e formativas durante as fins de semana dos meses de novembro e decembro en albergues xuvenís e residencias de tempo libre situadas en diferentes localidades do territorio galego. Os mozos de entre 14 e 30 anos de idade que desexen anotarse poderán facelo a partir das 10:00 horas do vindeiro mércores 2 de novembro, e a través do formulario de inscrición que se poderá cubrir directamente na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

 

O Outono Xove volve presentar un amplo catálogo de actividades que se vertebra en dez programas que se desenvolverán noutras tantas instalacións. Estes son: ‘Obxectivo Sada’, no albergue xuvenil Mariña Española; ‘Desconectados’, nas instalacións de Area, en Viveiro; ‘No corazón da Mariña’, no campamento A Devesa, en Ribadeo; ‘Aventúrate Portomarín’, no albergue xuvenil Benigno Quiroga; ‘Lugo Tech’, nas instalacións do LUG2; ‘Aventureza no Carballiño’, na residencia de tempo libre deste municipio ourensán; ‘Descubrindo o Xurés’, no complexo turístico e deportivo O Corgo, en Muíños; ‘Arte Urbana’, no campamento xuvenil de Pontemaril, en Forcarei; ‘O Naufraxio’, no albergue xuvenil As Sinas, en Vilanova de Arousa; e ‘Unha finde con aroma a natureza’, na residencia de tempo libre de Panxón, en Nigrán.

 

O número de prazas habilitadas para cada unha destas opcións e fins de semana é de 20 e, ademais, en cada unha destas instalacións celebrarase un máximo de cinco quendas, que comezarán o próximo día 11 de novembro. O programa inclúe aloxamento en albergue xuvenil ou residencia de tempo libre, polo que se achega manutención completa desde a noite do venres ata o domingo pola mañá.

 
 

Dous grupos de idade

Os grupos de participación dividiranse en dous tramos de idade diferencias, posto que haberá grupos con participantes de 14 a 17 anos e outros de 18 a 30. A cota de participación será de 25 euros. Por ser membro de familia numerosa ou monoparental e por ser titular do Carné Xove aplicarase un desconto do 25% sobre o prezo.

 

As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de chegada dos formularios de inscrición ata esgotar todas as dispoñibles por programa.

 

Programación especial gratuíta nos Espazos Xoves

Así mesmo, o Outono Xove contempla unha programación especial, totalmente gratuíta, nos 12 Espazos Xoves dependentes da Xunta de Galicia. Esta iniciativa inclúe doce tipos de actividades presenciais vinculadas a diferentes ámbitos. Destas actividades propostas, catro desenvolveranse os sábados: escape room, break dance, obradoiro de cine e xogos de mesa. Os oito restantes realizaranse de martes a venres, segundo o calendario que se especifica para cada Espazo Xove: rap, danza moderna, xadrez creativo, xadrez, maquillaxe artística, robótica, teatro e ciencia.

 

Ás actividades están dirixidas a mozas e mozos da contorna de cada Espazo Xove, con idades entre os 12 e os 18 e darase preferencia a aqueles que teñan entre os 12 e os 16 anos. Cada persoa poderá inscribirse en cantos obradoiros queira, tendo en conta que algúns teñen varias sesións encadeadas ao longo do período do programa. A inscrición será no propio Espazo Xove a través das súas canles de comunicación habituais: presenciais, telefónica ou electrónica.

 

Cómpre destacar que se trata dunha iniciativa da Xunta de Galicia co financiamento do Ministerio de Igualdade e en desenvolvemento do Plan Corresponsables.