A Xunta salienta a importancia de dar máis visibilidade, informar e formar sobre o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade

González Abeijón avoga por continuar apoiando ás persoas afectadas e aos seus familiares para facilitar a súa plena integración en todos os ámbitos da sociedade

A Xunta salienta a importancia de dar máis visibilidade, informar e formar sobre o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade

Cambados (Pontevedra), 29 de outubro de 2022 O director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou hoxe a importancia de achegar ao conxunto da poboación a realidade das persoas con Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), con fin de facer unha sociedade máis inclusiva. Díxoo nas VI Xornadas anuais ‘Ti tamén formas parte do TDAH’, organizadas pola Asociación TDAH Salnés no auditorio municipal de Cambados.

 

González Abeijón apuntou que encontros como este contribúen a dar maior visibilidade, informar e formar sobre este tipo de trastorno. Ao respecto, sinalou que é fundamental apoiar e orientar ás persoas nesta situación e aos seus familiares, para que poidan xestionar posibles situacións de crise e teñan ao seu alcance tanto as pautas de actuación como os recursos que necesitan.

 

Para o director xeral de Persoas con Discapacidade o obxectivo ten que ser garantir unha atención idónea a estas persoas de maneira que se poidan desenvolver sen dificultade en todos os ámbitos, tales como o educativo, o laboral ou o social.

 

Profesionais de distintos campos

A xornada contou coa participación de destacados profesionais de Galicia, que deron unha visión global do TDAH e da súa incidencia nas diferentes etapas vitais: desde a infancia ata a idade adulta, pasando pola adolescencia. Tamén se abordou, de maneira puntual, o TDAH feminino, o máis descoñecido.

 

Ademais, o programa incluíu unha mesa de debate sobre as consecuencias sociais deste trastorno, no que tomaron a palabra representantes dos eidos asociativo, educativo ou sanitario, entre outros; así como afectados e familiares que quixeron compartir a súa experiencia.