Trenor visita en Lousame o autobús de Coidados Porta a Porta que leva atendido con servizos especializados para maiores a máis de 20.000 galegos

Deste servizo estanse a beneficiar as persoas maiores de 55 anos, con cita previa e de xeito totalmente gratuíto
 

A Administración autonómica seguirá traballando para avanzar cara á igualdade entre todos os cidadáns, vivan onde vivan, reducindo ao mínimo as diferenzas de accesibilidade aos servizos públicos en toda a xeografía galega
 

Outras medidas dirixidas aos veciños de máis idade que residen no rural son o reforzo de programas como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou o Xantar na casa, así como a ampliación da rede de Casas do maior

Trenor visita en Lousame o autobús de Coidados Porta a Porta que leva atendido con servizos especializados para maiores a máis de 20.000 galegos

Lousame (A Coruña), 29 de setembro de 2022 O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, visitaron esta mañá un dos autobuses que están percorrendo Galicia dentro da campaña, Coidados Porta a Porta que está percorrendo todos os concellos de Galicia -agás as sete cidades- para levar servizos especializados de audioloxía, podoloxía e estimulación da memoria á porta da casa de máis de 100.000 galegos. Esta campaña foi posta en marcha pola Consellería de Política Social e Xuventude.

 

O delegado da Xunta lembrou que “oito autobuses están percorrendo a xeografía permanecendo entre tres e catro días en cada concello, de xeito que, en lugar de desprazarse o veciño ata o servizo, será o servizo quen se achegue” , ao tempo que precisou que deste servizo poderán beneficiarse todas as persoas maiores de 55 anos, con cita previa e de xeito totalmente gratuíto.

 

Logo de destacar que esta iniciativa conta cunha achega entre 2022 e 2023 de preto de 10 millóns de euros, Trenor quixo agradecer a colaboración de todos os concellos así como de Afalu, a entidade social que xestionará este servizo, xunto cunha compañía de unidades móbiles.

 

Trenor destacou que máis de 20.000 persoas pasaron xa polas unidades móbiles do programa Coidados porta a porta da Xunta de Galicia desde que no pasado mes de marzo comezaran o seu percorrido por todos os concellos galegos.

 

Por provincias, a da Coruña é a que rexistra ata o momento un maior número de beneficiarios desta iniciativa con máis de 5600 usuarios.

 

Para ser atendido en calquera dos autobuses de Coidados porta a porta, que continuarán percorrendo o territorio galego, cómpre solicitar cita previa nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do seguinte enderezo electrónico: coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal

 

Atención no rural

Este programa enmárcase na aposta do Executivo autonómico por poñer a disposición dos veciños de máis idade que viven no rural todas as atencións que poidan necesitar. A este obxectivo responde o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que garante uns coidados profesionais a uns 25.000 galegos nos seus propios domicilios; o impulso de Xantar na casa, que leva a comida a 1.800 fogares; ou as axudas para crear máis dun centenar de Casas do maior, pequenos centros para favorecer o envellecemento activo e saudable nos concellos de menos poboación.