Máis de 5600 persoas xa se beneficiaron do programa Coidados Porta a Porta na provincia da Coruña

Máis de 20.000 persoas de toda Galicia recibiron atención gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a través desta iniciativa desde o mes de marzo


O obxectivo é que as persoas maiores teñan ao carón dos seus fogares os servizos que necesitan para que poidan seguir vivindo alí onde prefiran


Outras medidas dirixidas aos veciños de máis idade que residen no rural son o reforzo de programas como o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou o Xantar na casa, así como a ampliación da rede de Casas do maior
 

Máis de 5600 persoas xa se beneficiaron do programa Coidados Porta a Porta na provincia da Coruña

O Pino (A Coruña), 28 de setembro de 2022 O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta mañá a unidade móbil do programa Coidados porta a porta situada no centro de saúde do Pino. Alí sinalou que esta iniciativa leva atendidas a máis de 20.000 persoas de toda Galicia desde a súa posta en marcha no pasado mes de marzo, das que 5600 persoas son da provincia da Coruña.

 

Mediante esta iniciativa, o Goberno galego achega aos maiores de 55 anos atención gratuíta en podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria. A da Coruña é a que rexistra ata o momento un maior número de beneficiarios con máis de 5600; a esta síguelle a de Pontevedra con preto de 5000. A provincia de Lugo é a terceira que máis persoas leva atendidas neste tempo: máis de 4600. En último lugar, atópase a provincia de Ourense con case 4200 usuarios.

 

Por medio de oito autobuses que percorrerán todos os concellos galegos agás as sete cidades, a Consellería de Política Social e Xuventude facilita coidados médicos e de saúde en xeral preto dos fogares das persoas maiores, evitándolles desprazamentos fóra da súa contorna e posibilitando que poidan seguir vivindo alí onde prefiran.

 

Para ser atendido en calquera dos autobuses de Coidados porta a porta, que continuarán percorrendo o territorio galego, cómpre solicitar cita previa nos números de teléfono 622 748 283 ou 623 546 992, ou ben a través do seguinte enderezo electrónico: coidadosportaaporta.politicasocial@xunta.gal

 

Atención no rural

Este programa enmárcase na aposta do Executivo autonómico por poñer a disposición dos veciños de máis idade que viven no rural todas as atencións que poidan necesitar. A este obxectivo responde o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que garante uns coidados profesionais a uns 25.000 galegos nos seus propios domicilios; o impulso de Xantar na casa, que leva a comida a 1.800 fogares; ou as axudas para crear máis dun centenar de Casas do maior, pequenos centros para favorecer o envellecemento activo e saudable nos concellos de menos poboación.