A Xunta pon en valor o rural galego a través do campamento ‘Aldea Perdida’ da Granxa Zoo de Grixalba

Neste programa impulsado polo Goberno galego, mozos e mozas de entre 9 e 12 anos desfrutan de actividades ao aire libre nun complexo turístico completamente equipado
 

A directora xeral visitou tamén o campamento urbano ‘A Coruña, unha cidade por descubrir’ organizado polo centro xuvenil Abeiro para mozos e mozas de 6 a 19 anos
 

A Xunta pon en valor o rural galego a través do campamento ‘Aldea Perdida’ da Granxa Zoo de Grixalba

Sobrado dos Monxes (A Coruña), 5 de agosto de 2022 A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os mozos e mozas de 9 a 12 anos que participan no campamento Aldea Perdida da Granxa Zoo de Grixalba. Dende o 31 de xullo ata este domingo 7 de agosto, os participantes realizan actividades en plena natureza poñendo en valor o rural galego.

 

Os mozos e mozas están aloxados neste complexo situado en plena Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesa e Terras do Mandeo . Foi inaugurado no ano 2001 como un intento de loitar contra a despoboación rural, rehabilitando unha vella «Palleira» dunha familia de «Queixeiras» e «Queixeiros». Durante a visita, a directora xeral salientou a importancia de iniciativas como esta que enxalzan o rural galego e a natureza autóctona.

 

Cristina Pichel visitou tamén os mozos de entre 6 e 19 anos do XVII Campamento Urbano A Coruña, unha cidade por descubrir, organizado polo centro xuvenil Abeiro. Todas as mañás, a mocidade realiza nas instalacións do colexio dos Salesianos da Coruña obradoiros, xogos, actividades de animación á lectura, xincanas de auga ou deportes.

 

Así mesmo, Cristina Pichel lembrou a alternativa de conciliación que representan para as familias iniciativas deste tipo. Con esta proposta, o Goberno galego ofrece tamén á xuventude a posibilidade de empregar o seu tempo libre estival participando en actividades de carácter lúdico, medioambiental, cultural, deportivo ou formativo.