A Xunta lembra a vida e obra do arquitecto Antonio Palacios a través do campo de voluntariado ‘Ruta de Palacios’ en O Porriño

Dende o 26 de xullo ao 6 de agosto preto dunha decena de mozos e mozas de entre 18 e 30 anos realizan actividades culturais
 

Outros 15 mozos e mozas das mesmas idades desenvolven actividades ao aire libre no campo de voluntariado Alfacuca no municipio de Mos
 

A Xunta lembra a vida e obra do arquitecto Antonio Palacios a través do campo de voluntariado ‘Ruta de Palacios’ en O Porriño

O Porriño (Pontevedra), 3 de agosto de 2022 A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe os sete mozos e mozas de entre 18 e 30 anos do campo de voluntariado Ruta de Palacios no concello do Porriño. Os participantes desenvolven actividades culturais así como a organización de visitas guiadas polo casco histórico do concello, para poñer en valor a vida e obra do arquitecto Antonio Palacios, natural do municipio.

 

Ademais, dende o 26 de xullo ata este sábado 6 de agosto, os voluntarios realizan outras actividades como talleres de fotografía aérea e manexo de drons, rutas en caiac ou excursións como ás Pozas de Melón ou á praia fluvial de Mondariz. Así, a través deste campo de voluntariado cultural os participantes desfrutan da contorna do propio concello ao mesmo tempo que salientan o seu valor.

 

A directora xeral tamén aproveitou para visitar o campo de voluntariado Aldea Alfacuca do concello de Mos. Localizado nunha aldea restaurada con edificacións datadas de 1670, 10 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos desenvolven actividades como a creación dunha horta biointensiva, un composteiro para uso veciñal ou o deseño dun pequeno museo etnográfico, entre outras prácticas relacionadas coa natureza. Tamén dispoñen dunha programación para impulsar a convivencia a través de celebracións e festas.

 

Oferta máis ampla da historia

Así mesmo, Cristina Pichel tamén lembrou que a oferta da campaña de verán que se está a desenvolver este ano é a máis alta e variada da historia, ao contar con máis de 10.800 prazas, tres mil máis que o ano pasado e mil máis que antes da pandemia.