A Xunta promove na Veiga o Campamento Astronómico con actividades de lecer educativo para a xuventude

Os participantes, de entre 10 e 14 anos, gozaron dun observatorio astronómico e das actividades de multiaventura do encoro de Prada


Visitou tamén aos mozos e mozas de 18 a 30 anos que participan no campo de vo-luntariado de Larouco para a posta en valor do xacemento do Castrillón
 

A Xunta promove na Veiga o Campamento Astronómico con actividades de lecer educativo para a xuventude

 A Veiga (Ourense), 14 de xullo de 2022  A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe aos mozos e mozas que participan esta semana no Campamento Astronómico que ten lugar Albergue Montañas de Trevinca, no concello da Veiga.Trátase dunha das novidades da campaña de verán deste ano e que está dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre 10 e 14 anos.

 

O programa permite que un total de 30 mozos e mozas realicen actividades de observatorio astronómico e sendeirismo, combinadas coas experiencias multiaventura do Encoro de Prada como son o piragüismo ou paseos en bicicletas de auga.

 

Durante a súa visita, a directora xeral destacou o carácter educativo que, sen perder de vista o lecer, define a estes campamentos. Ademais, lembrou que representan unha importante oportunidade de conciliación para as familias, que poden compaxinar a súa vida laboral coa persoal ao tempo que os seus nenos e nenas están ben atendidos.

 

Cristina Pichel aproveitou a súa visita á Veiga para coñecer tamén o campo de voluntariado de Larouco, no que participan 15 mozos e mozas de entre 18 e 30 anos. O programa, de marcado carácter arqueolóxico, inclúe actuacións no xacemento do Castrillón, así como actividades complementarias como o estudo da fauna e flora da contorna.

 

Máis de 10.800 prazas

Ambas iniciativas forman parte da campaña de verán da Xunta que, baixo o lema O verán que queres contar, ofrece a mozos de todas as idades un total de máis de 10.800 prazas, a maior oferta da historia.