A Residencia de Tempo Libre do Carballiño da Xunta acolle a segunda quenda de mozos do campamento 'Streamers polo cambio'

Os nenos e nenas desfrutan de actividades relacionadas coa creación de contidos dixi-tais así como de deportes e xogos ao aire libre

A Residencia de Tempo Libre do Carballiño da Xunta acolle a segunda quenda de mozos do campamento 'Streamers polo cambio'

 

O Carballiño (Ourense), 14 de xullo de 2022.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe aos mozos e mozas de entre 10 e 13 anos que participan na segunda quenda do campamento Streamers polo cambio da Xunta de Galicia e que se está a celebrar na Residencia de Tempo Libre do Carballiño.

 

Durante a súa estancia, os mozos e mozas contan cunha completa programación que xira arredor do mundo influencer, da creación audiovisual e dos videoxogos. Cristina Pichel visitou aos rapaces desta segunda quenda e destacou a importancia de achegar á mocidade as vantaxes das redes sociais desde un uso responsable.

 

Ademais, os 45 participantes desfrutan de outras actividades de lecer relacionadas coa natureza e ao aire libre e tamén coa comunicación oral e a expresión corporal. Deste xeito, as mozas e mozos estarán desfrutando deste campamento no que a tecnoloxía é a protagonista ata o vindeiro luns 18.

 

Esta iniciativa forma parte da maior campaña de verán posta en marcha pola Xunta de Galicia. Baixo o lema O verán que queres contar, póñense a disposición da xuventude de todas as idades máis de 10.800 prazas. Con esta proposta, o Goberno galego ofrece á xuventude a posibilidade de empregar o seu tempo libre estival participando en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo ou formativo.