A Xunta desprega máis de 50 iniciativas xuvenís na provincia de Pontevedra coa campaña 'O verán que queres contar'

O delegado territorial, Luis López, informou dos campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado que se desenvolverán en xullo e agosto nunha visita ás instalacións de Ponte Maril, que acollerá sete quendas, a cifra máis alta da provincia

A Dirección Xeral de Xuventude vai celebrar 51 actividades xuvenís en 24 localizacións da provincia pertencentes aos municipios de Vilanova, Forcarei, Bueu, Lalín, Mondariz-Balneario, Tomiño, Nigrán, Silleda, Fornelos, Vigo, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Sanxenxo, Soutomaior, Mos, O Porriño, Redondela e Oia

As comarcas de Deza e Tabeirós-Montes ofertan 14 actividades xuvenís e, ademais das de Forcarei, terá campamentos en Lalín do 16 ao 25 de xullo e en Silleda do 23 ao 30 deste mes, e un campo de voluntariado e dous minicampamentos na capital dezá
 

A Xunta desprega máis de 50 iniciativas xuvenís na provincia de Pontevedra coa campaña 'O verán que queres contar'

 

Forcarei, 14 de xullo de 2022.- A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social e Xuventude, vai despregar 51 iniciativas xuvenís na provincia de Pontevedra a través da campaña O Verán Que Queres Contar, que acaba de arrancar a comezos deste mes e que terá lugar en 24 localizacións pertencentes aos municipios de Vilanova, Forcarei, Bueu, Lalín, Mondariz-Balneario, Tomiño, Nigrán, Silleda, Fornelos, Vigo, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Sanxenxo, Soutomaior, Mos, O Porriño, Redondela e Oia.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou dos campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado que se van a celebrar na provincia entre os meses de xullo e agosto nunha visita realizada este mediodía ás instalacións de Ponte Maril, no Concello de Forcarei, onde compartiu actividade e saudou aos case trinta rapaces que están a rematar a súa quenda esta semana.

 

“Dende a Xunta apostamos pola campaña xuvenil de verán máis ambiciosa da nosa historia, con case 11.000 prazas, moitas das cales son da provincia de Pontevedra, xa que cremos que nenos e mozos precisan de esparcemento e relacións sociais tras dous anos moi duros de pandemia e tamén porque estas actividades son fundamentais para a súa formación como persoas”, explicou o representante autonómico.

 

A Dirección Xeral de Xuventude programou sete quendas de campamentos en Ponte Maril -a cifra máis elevada da provincia-, cinco nas Sinas, Ons e Mondariz-Balneario, dúas en Tomiño e Panxón e unha en Lalín, Silleda e Fornelos de Montes.

 

Ademais, haberá once campos de voluntariado e catro quendas especiais nas Illas Cíes cun total de 225 prazas e minicampamentos en Covelo e Sanxenxo, con tres quendas cada un, e Lalín, con dúas a finais de xullo e agosto.

 

Oferta nas bisbarras


Nas bisbarras de Deza e Tabeirós-Montes, a oferta xuvenil deste verán está liderada polo campamento forcaricense, que ofrecerá ata sete quendas entre o 1 de xullo e o 21 de agosto para rapaces de entre 9 e 14 anos e unha programación centrada na natureza e a aventura con actividades como supervivencia, piragüismo, bicicleta, circo, piscina, caiac, orientación, sendeirismo, reciclaxe e excursións, entre moitas outras. Cómpre sinalar que estas instalacións de Ponte Maril inclúen prazas de inclusión en todas as súas quendas.

 

Os demais campamentos das comarcas serán do 16 ao 25 de xullo no albergue municipal Vicente Agulló de Lalín para nenos de 9 a 12 anos com actividades centradas na aventura e do 23 ao 30 de xullo con Fervenzaventura en Silleda, orientada a rapaces de 14 a 18 anos.

 

Ademais, desenvolveranse os campos de voluntariado Tradición en Verde en Lalín do 1 ao 12 de agosto cunha aposta pola arqueoloxía, o medio ambiente e a etnografía e Rural Influencers en Cerdedo-Cotobade do 18 ao 29 de agosto centrado na dinamización rural.

 

Finalmente, Lalín tamén acollerá dous minicampamentos, baixo a denominación O Noso Rural III, entre o 25 e o 29 de xullo e o 22 e o 26 de agosto con aloxamento dos cativos no hotel Norat Torre do Deza e actividades espalladas por todo o municipio.