A Xunta recibe aos voluntarios do novo programa ‘XacobeAndo’, que axudarán ao coidado e promoción das rutas do Camiño de Santiago

Un total de 80 mozos, de entre 18 e 30 anos, participarán nesta proposta que con-templa accións nos ámbitos da inclusión, a sustentabilidade e a dixitalización

Esta primeira quenda conta con 40 voluntarios procedentes de diferentes zonas de España e doutros países como Lituania, Estonia, Portugal, Eslovaquia, Grecia, Italia ou Letonia.
 

A Xunta recibe aos voluntarios do novo programa ‘XacobeAndo’, que axudarán ao coidado e promoción das rutas do Camiño de Santiago

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2022 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, presentou hoxe o programa ‘XacobeAndo’ da Xunta, que desde este mes de xullo ata o vindeiro outubro achegará a Galicia a 80 voluntarios de diferentes países de Europa e con idades entre os 18 e os 30, que colaborarán en accións de conservación e difusión das rutas de peregrinación a Santiago. Fabiola García deu a benvida esta mañá ao primeiro grupo destes voluntarios, arredor de 40 mozos procedentes de distintas zonas de España e doutros países como Lituania, Estonia, Portugal, Eslovaquia, Grecia, Italia ou Letonia.

A conselleira de Política Social e Xuventude, que estivo acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, agradeceu a estes voluntarios a súa vitalidade e gañas de axudar a mellorar o mundo. Neste sentido, fixo fincapé no valor que ten o Camiño a nivel económico, para a localidades polas que transcorren as súas rutas; espiritual, por dotar aos seus peregrinos de enerxía e da máxima da paisaxe; e participativo, porque no seu coidado implícase a toda a comunidade.

Durante a súa estadía, estes voluntarios realizarán actividades en tres ámbitos: Camiño inclusivo; Camiño sostible e Camiño dixital. Deste xeito, axudados por titores e profesionais, colaborarán en aspectos como a concienciación ambiental e a posta en valor do patrimonio cultural e natural; a creación de recursos dixitais sobre a experiencia no Camiño; e o acompañamento e integración de grupos de persoas con necesidades especiais.

Diferentes localidades

Os participantes desta iniciativa estarán emprazados en diferentes puntos polos que pasa o Camiño, como por exemplo: Palas de Rei, Xinzo de Limia, Lalín, Tui, Ribeira, Valga, Pontevedra ou Santiago. As rutas nas que centrarán os seus esforzos serán o Camiño Francés, a Vía da Prata, o Camiño Portugués e a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.