A Xunta valorará contribuír ao financiamento da nova escola infantil da praza da Industria en Vigo cando o Goberno central transfira os fondos

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destaca o firme compromiso do Executivo autonómico co financiamento das escolas infantís de titularidade municipal

Recorda que o Goberno galego non só participa no mantemento destes centros e dos Puntos de Atención á Infancia Municipais, senón que está a financiar a gratuidade dos segundos fillos e sucesivos nos concellos que así o solicitan

Volve a emprazar ao alcalde da cidade a regularizar a débeda co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, para que 400 familias poidan beneficiarse da gratuidade completa nas escolas anunciada pola Xunta para o curso que vén
 

Vigo, 23 de novembro de 2021.- A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, sinalou hoxe que o Goberno galego valorará contribuír ao financiamento da nova escola infantil que o Concello vigués proxecta na Praza da Industria en canto o Goberno central transfira os fondos.
Neste sentido, amosou a súa sorpresa ante a insistencia do alcalde sobre este asunto posto que, tal e como informou, xa se lle contestou por carta o pasado 10 de novembro. Así, apuntou que na misiva, firmada polo director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, se lle advertía que a Xunta prevé poñer os fondos Next Generation para o financiamento de novas escolas infantís de 0 a 3 anos a disposición daqueles concellos que estean interesados.
Tras insistir en que é vontade da Administración autonómica dispoñer destes fondos canto antes para contribuír ao financiamento de proxectos como os da escola viguesa da Praza da Industria, lamentou que a día de hoxe “o Executivo de Sánchez non transferise nin un solo euro deste mecanismo á Comunidade, toda vez que aínda non foi aprobado na correspondente Conferencia Sectorial”.
En todo caso, Fernández-Tapias destacou o firme compromiso da Xunta co financiamento das escolas infantís de titularidade municipal, ao recordar que non só participa no mantemento destes centros e dos Puntos de Atención á Infancia Municipal, senón que tamén está a financiar a gratuidade dos segundos fillos e sucesivos nos concellos que así o solicitan.
Ao fío desta afirmación, a delegada territorial volveu a emprazar ao alcalde vigués a cumprir o seu compromiso de regularizar os pagos ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, para que as 200 familias que hoxe están privadas desta medida non se convertan en 400 cando entre en vigor a gratuidade completa de 0 a 3 anos o vindeiro curso.
Asemade, convidouno a deixar de presentar recursos sen perspectivas de éxito contra as liquidacións pendentes posto que, tal e como recordou, son sete xa as sentenzas que avalan o modelo de cofinanciamento en contra da defensa argumental do Concello. Un modelo que respalda a Federación Galega de Municipios e Provincias e que, ademais, é de aplicación en todos os concellos adheridos