Política Social clausura o I Congreso da Asociación de Centros de Día de Galicia, que pon no foco os retos da nova vellez

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou no acto celebrado hoxe no Monte de Gozo

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2021.- O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou hoxe na clausura do I Congreso da Asociación de Centros de Día de Galicia, Nuevos retos de los centros para una nueva vejez. Alí destacou que os centros de día ofrecen a máxima profesionalidade e calidade co obxectivo de que os maiores reciban o mellor dos coidados.

González Abeijón tamén agradeceu aos centros de día por prestar unha atención e un coidado día a día tan especializado, que fan que Galicia sexa unha sociedade cada vez máis xusta e inclusiva coas persoas maiores. Ademais, recoñeceu que o servizo que prestan estes centros conta con profesionais experimentados e implicados no seu traballo.

Durante o congreso abordáronse cuestións relacionadas coa eficiencia e o mecanismo dos centros de día, desde a colaboración necesaria para o seu correcto funcionamento ata a importancia do deseño dos ambientes e os diferentes espazos nos centros. Ademais, na xornada de clausura abordáronse algunhas cuestións como os beneficios das relacións interxeracionais para as persoas maiores e a importancia de compaxinar unha boa alimentación para manter un bo estilo e calidade de vida.