A Xunta incrementa en máis dun 13% o orzamento do servizo de Axuda no Fogar, ata alcanzar os 24,7M€ en Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explica que nas vindeiras semanas distribuiranse preto de 3M€ adicionais na provincia porque a medida ten efectos retroactivos dende o pasado mes de xaneiro

A Xunta incrementa en máis dun 13% o orzamento do servizo de Axuda no Fogar, ata alcanzar os 24,7M€ en Lugo

As Nogais (Lugo), 17 de novembro de 2021.- A Consellería de Política Social incrementa nun 13,4% o orzamento que destina ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para persoas en situación de dependencia, ata alcanzar no conxunto da provincia un investimento de 24.773.000 euros anuais.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o alcalde das Nogais, Jesús Manuel Núñez, mantiveron hoxe unha xuntanza cos traballadores municipais do SAF, que atenden actualmente a 35 persoas, dando cobertura ao 100% dos demandantes. O incremento orzamentario no municipio supón pasar de 136.188 euros anuais aos 154.440 euros.

Arias sinalou que nas vindeiras semanas os concellos lucenses recibirán 3 millóns de euros adicionais de financiamento do SAF, xa que a medida aplícase con efectos retroactivos dende o pasado mes de xaneiro. A Xunta destinaba ata o momento 21.846.068 euros a financiar o servizo na provincia.

Ademais, o Goberno galego seguirá reforzando o financiamento do servizo nos próximos exercicios, cun aumento progresivo do 24% que se acadará no ano 2024 e que suporá un incremento acumulado da achega autonómica de 70 millóns de euros no conxunto da comunidade.

A Consellería realizou nos últimos anos un esforzo para incrementar as horas de prestación asignadas a cada municipio, especialmente no pasado exercicio a causa da pandemia da covid-19, e dá agora un paso máis elevando o pago dos 9,7 aos 11 euros por cada hora de prestación. No 2023 incrementarase ata os 11,5 euros/hora, e no 2024 xa se acadarán os 12 euros/hora.

Arias explicou que esta iniciativa “dará maior seguridade económica aos concellos, que poderán estender o SAF a máis fogares e incrementar o número de horas das persoas que xa dispoñen desde servizo”.

Segundo os datos do mes de setembro, a ratio de atención media na provincia é do 74%, con 4579 beneficiarios atendidos e 1639 pendentes de recibir o servizo. Os concellos lucenses dispoñen en total de 2.252.172 horas anuais de SAF asignadas, das cales nese mes estaban sendo efectivamente prestadas 2.077.356 e quedaban sen utilizar 174.816 horas.