A Xunta exporá en Cáceres as medidas impulsadas desde Galicia en materia de demografía

Participará na mesa redonda ‘Estrategias y gobernanza ante el reto demográfico y territorial’, na que compartirá espazo con representes de Gobernos autonómicos, municipais e da rexión centro de Portugal

Lembrará medidas pioneiras en Galicia como a aprobación da primeira Lei de impulso demográfico ou a gratuidade das escolas infantís, que o vindeiro curso se aplicará a todas as nenas e nenos da Comunidade

A Xunta exporá en Cáceres as medidas impulsadas desde Galicia en materia de demografía

Valencia de Alcántara (Cáceres), 17 de novembro de 2021.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, participará mañá no I Congreso Europeo polo Reto Demográfico que se celebra no municipio estremeño de Valencia de Alcántara, onde exporá as medidas impulsadas desde Galicia en materia de demografía. Entre as iniciativas pioneiras postas en marcha pola nosa Comunidade situará a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos e a súa ampliación o vindeiro curso á totalidade das nenas e nenos de Galicia.
Fabiola García participará na mesa redonda Estrategias y gobernanza ante el reto demográfico y territorial, na que compartirá espazo con representantes políticos dos Gobernos autonómicos de Estremadura e Castela-A Mancha, así como da Federación Española de Municipios e Provincias ou da Comisión de Coordinación y Desarrollo Regional-Región Centro de Portugal.
A conselleira lembrará a importancia de situar a demografía no debate das políticas públicas e salientará a necesidade de que as distintas Administracións colaboren para poñer en marcha iniciativas que axuden a frear o despoboamento e o desequilibrio territorial. Ademais da gratuidade, porá en valor a creación de recursos de conciliación no rural como as casas niño e as casas do maior, así como a aprobación da primeira Lei de impulso demográfico de España.