Política Social sinala á tecnoloxía como unha ferramenta útil para a mellora da calidade de vida dos usuarios de residencia

A Coruña, 14 de outubro de 2021.- O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, visitou esta mañá a residencia coruñesa O Portazgo, onde destacou que a tecnoloxía representa unha ferramenta útil para a mellora da calidade de vida dos usuarios de residencia. Ademais de saudar aos maiores deste centro, tivo a oportunidade de dar a coñecer algún dos avances que a Xunta implantará nos centros residenciais gracias ao novo modelo de coidados.

Antón Acevedo sinalou que ao abeiro deste documento, a Xunta impulsará, entre outras medidas, un censo global de residentes e a coordinación de información sociosanitaria. Así mesmo, lembrou que a semana pasada o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inaugurou na residencia pública autonómica da Estrada o novo modelo de residencia intelixente que dispón de solucións para a protección e o control de usuarios e profesionais, pon á disposición das persoas residentes ferramentas de comunicación coas familias e mellora o confort nos espazos interiores dos centros residenciais.