A Xunta destaca a importancia de blindar as medidas en materia de demografía a través dun marco normativo

Galicia converteuse na primeira comunidade en aprobar unha lei dirixida a facer fronte ao reto demográfico

Neste encontro participaron ademais representantes dos gobernos de Castela-A Mancha, Estremadura e Castela e León

A Xunta destaca a importancia de blindar as medidas en materia de demografía a través dun marco normativo

Zamora, 13 de outubro de 2021.- O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou hoxe na xornada ‘Respostas normativas fronte aos retos demográficos’, organizada polo Consello Consultivo de Castela e León en Zamora. Destacou a importancia de contar cun marco normativo que axude a blindar as medidas que se realicen para frear o declive demográfico e puxo como exemplo a Galicia, a primeira comunidade en aprobar unha Lei de Impulso Demográfico a comezos deste mesmo ano.

Jacobo Rey sinalou que esta lei permite darlle harmonía a algunha das medidas impulsadas durante os últimos anos polo Goberno galego, como a Tarxeta Benvida, as rebaixas fiscais que se aplica ás familias con fillos, os descontos en certos servizos como autoestradas autonómicas para as familias numerosas ou a posta en marcha de centros de conciliación no rural como as casas niño.

Neste encontro participaron xunto ao director xeral da Xunta representantes doutras comunidades nas que se está a traballar na aprobación dunha lei destas características. É o caso de Castela-A Macha, que foi a segunda comunidade en contar cunha lei de impulso demográfico en España, así como Estremadura e Castela e León, que están en trámites para aprobar a súa propia lexislación.