Nova

Compartir

A Xunta destaca a coordinación entre entidades e administracións para impulsar a integración laboral das persoas con discapacidade

Unha decena de persoas están a formarse en auxiliares de comercio, ao tempo que contan cun contrato de traballo na tenda de roupa Juan María by Lolola

Fernando González Abeijón, na reapertura dun punto de venda de Juan María Empleo

Nigrán (Pontevedra), 8 de abril de 2021.- O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, acompañado da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, asistiron esta mañá á reapertura da caseta que o Centro Especial de Emprego Juan María de Nigrán ten no Paseo de Torrente Ballester. Alí destacou a necesidade de continuar traballando de maneira coordinada para impulsar a integración laboral das persoas con discapacidade.

Fernando González Abeijón salientou o traballo que realiza a diario o centro Juan María Empleo para que os seus usuarios adquiran máis autonomía e melloren a súa calidade de vida. Neste senso, salientou o programa de formación dual subvencionado pola Xunta de Galicia e que permite a adquisición de habilidades necesarias para a integración no mercado laboral.

En concreto, esta formación dual trata de realizar proxectos baseados nun réxime de alternancia entre o emprego e a cualificación. Ao seu remate, os destinatarios saen capacitados para mellorar a súa inserción profesional e obteñen certificados de profesionalidade.

Nova colección

Un total de 10 persoas con discapacidade estanse a preparar no centro de formación da asociación en actividades auxiliares de comercio, ao tempo que contan cun contrato de traballo na tenda de roupa Juan María by Lolola, a división laboral do centro especial de emprego que está centrado na industria da moda inclusiva.

O Centro Juan María Empleo reabre esta caseta para presentar a nova colección de roupa Surfeando estrellas, baixo o abrigo da deseñadora viguesa Lola Rande. Será o segundo punto de venda da súa colección fóra do propio centro, despois do emprazado no centro comercial da Praza Elíptica de Vigo.