Nova

Compartir

A Xunta premia os mellores videoxogos feitos por mozas e mozos na primeira edición desta categoría no Xuventude Crea 2020

Fabián Ezequiel Farías González e Carla Bolaños Blanco fixéronse co primeiro posto do certame coa creación ‘Odal’

Este é o primeiro ano que se inclúe esta disciplina e contou coa participación de 16 rapazas e rapaces
 

Vilamarín (Ourense), 20 de novembro 2020.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta tarde á fase final de Xuventude Crea 2020 na especialidade de Creación de videoxogos, novidade que incorpora este ano o certame xunto coa disciplina Novela curta. O evento tivo lugar no Pazo de Vilamarín, no marco do I Congreso Utopía Noroeste, un encontro para a innovación, a tecnoloxía e as ideas disruptivas.

Nesta primeira edición da modalidade participaron 16 mozas e mozos e foron seis os videoxogos que chegaron a esta final. O primeiro premio foi para a creación Odal, de Fabián Ezequiel Farías González e Carla Bolaños Blanco; en segundo lugar quedou o equipo formado por Dafne Míguez Nieto, Antía Santiso Méndez, Araceli Villanueva Bello e Daniela Da Rocha Baptista co xogo Cruña Invicta; e o terceiro premio foi para a proposta Fofo e a pesca do lixo, da que son autores Alejandro García Soto e Carmen Araquistain Portela.

Catorce especialidades

O programa Xuventude Crea vai dirixido a mozas e mozos residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 16 e os 30. Ademais de Creación de videoxogos, inclúe outras trece categorías: teatro, música, novela curta, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, moda, deseño de xoias, cociña, danza moderna, fotografía e artes plásticas —esta última comprende as modalidades de pintura e escultura—.

Os premios para cada especialidade son de 3000 euros o primeiro premio, 1500 euros o segundo premio e 1000 euros o terceiro premio. O xurado tamén pode outorgar mencións de honra, sen dotación económica.

A edición deste ano do Xuventude Crea acadou un récord de participación, con preto de 500 mozas e mozos que presentaron as súas candidaturas, fronte as 382 do ano anterior.