Nova

Compartir

A Xunta salienta a resposta áxil e inmediata fronte as consecuencias sociais derivadas da pandemia da covid-19

Destaca o reforzo e axilización da Risga e a creación da Tarxeta Básica, da que se benefician xa unhas 11.000 familias galegas

Tamén salienta o incremento das axudas aos concellos e ás entidades para reforzar os programas dirixidos ás persoas e fogares máis vulnerables

Trabállase na renovación da Axenda Social Única e na nova Estratexia galega de Inclusión 2021-2027, da man dos concellos e das organizacións sociais

Santiago de Compostela, 19 de novembro 2020.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, defendeu hoxe as mediadas postas en marcha pola Xunta para amortecer o impacto social da covid-19 nos fogares con poucos ingresos e naqueles en situación ou risco de exclusión. Fíxoo na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, onde destacou a “resposta áxil e inmediata” do Goberno galego ás necesidades sobrevidas que enfrontan as familias por mor da pandemia.

Así, entre as medidas implantadas, Arturo Parrado salientou o reforzo das prestacións económicas e a axilización nos trámites da concesión da Renda básica de inclusión (Risga), así como a Tarxeta Básica para a cobertura das necesidades de alimentación, hixiene e farmacia, que xa chega na actualidade a unhas 11.000 familias.

Así mesmo, o director xeral referiuse ao reforzo das axudas aos concellos e entidades sociais para afrontar o aumento da demanda de atención por mor da pandemia. Un apoio que se materializou a través de axudas extraordinarias por 1,2 millóns de euros, para reforzar os programas dos concellos para a atención ás persoas sen fogar; máis outro millón de euros destinado a compensar as axudas de emerxencia social que prestan as entidades.

Apoio a entidades e a familias con nenos e dependentes


Tamén lembrou que o Executivo autonómico vén de resolver a maior orde de axudas dirixidas a entidades de iniciativa social, dotada con preto de 18 millóns de euros para financiar arredor dun milleiro de programas dirixidos a persoas e familias vulnerables.

Ademais destas axudas, con esta pandemia habilitáronse outras medidas de conciliación dirixidas a familias con menores ou con persoas dependentes ao seu cargo, como os Bono Coidado extraordinarios para a infancia e a dependencia, o Servizo de Axuda no Fogar extraordinario ou o incremento do programa Xantar na Casa, entre outras.

Planificación

Por outra banda, Arturo Parrado avanzou que a Xunta traballa arestora na renovación da Axenda Social Única para loitar contra a pobreza e a exclusión social, da man dos concellos e das entidades sociais; así como na futura Estratexia de inclusión de Galicia, prevista para o período 2021-2017.

Ao respecto, explicou que na elaboración destes novos marcos de actuación fronte ás desigualdades téñense en conta os datos sobre a situación da pobreza na comunidade que achega o Instituto Galego de Estatística (IGE), os profesionais dos servizos sociais das distintas administracións e entidades como a Rede de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN Galicia).