Nova

Compartir

A Xunta valora os avances na Estratexia Nacional fronte ao Reto Demográfico pero pide máis concreción nas actuacións

O Goberno central presentou ás comunidades un borrador de documento ante o que as comunidades poderán presentar alegacións

O documento inclúe iniciativas xa impulsadas en Galicia como a creación do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica ou o Proxecto de Lei para o Impulso Demográfico

Galicia demanda a definición das áreas en risco demográfico e vincular cada medida a financiamento
 

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2020.- A Xunta valorou os avances na elaboración da Estratexia Nacional fronte ao reto demográfico impulsados polo Goberno central, pero pide máis concreción nas actuacións. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey Sastre, participou esta mañá nunha reunión por videoconferencia da Comisión Sectorial para o Reto Demográfico na que se presentou ás comunidades un primeiro borrador de estratexia nacional para aplicar ata o ano 2030.

O director xeral agradeceu a implicación do Executivo central nun reto para o que as comunidades levan tempo demandando medidas. Con todo, manifestou que é preciso concretar certos aspectos entre os que destacou a definición das áreas en risco demográfico, a vinculación de financiación a cada iniciativa ou a mellora de indicadores como a dispersión xeográfica. As comunidades poderán agora presentar alegacións a este borrador.

Así mesmo, sinalou que o borrador presentado polo Goberno central ás comunidades recolle propostas xa postas en marcha por Galicia, como a creación do Observatorio Galego de Dinamización Demográfica ou o Proxecto de Lei de Impulso Demográfico, impulsada polo Goberno galego e que se prevé aprobar no Parlamento autonómico nos primeiros meses desta lexislatura.