Nova

Compartir

A Xunta achegou nos últimos días 198.300 unidades de protección contra a covid-19 ás entidades que prestan servizos asistenciais na provincia de Lugo

O Goberno galego subministrou o material en 170 centros dedicados ao coidado de menores e de persoas maiores ou con discapacidade

Lugo, 15 de setembro de 2020.- A Xunta de Galicia achegou nos últimos días 198.300 unidades de protección contra o coronavirus ás entidades prestadoras de servizos sociais na provincia de Lugo, co fin de incrementar a seguridade nos centros que xestionan, na súa maioría dedicados ao coidado de menores e de persoas maiores ou con discapacidade.

A Xunta colabora garantíndolles o subministro a través dunha plataforma loxística posta en marcha expresamente para a xestión deste material fundamental. Así, realiza envíos con periodicidade semanal en residencias de maiores, vivendas tuteladas, centros de día, escolas infantís e similares, ben sexan de titularidade pública ou privada.

Nesta ocasión, entregou material en 170 centros da provincia, dos que preto da metade atenden a nenos e nenas de 0 a 3 anos. Os envíos inclúen equipos de protección individual, luvas, máscaras e pantallas faciais, batas, mandís, gorros, e tamén xel hidroalcólico e garrafas de desinfectante.

Dende o inicio da crise sanitaria foron subministrados máis de 1,9 millóns de elementos de protección neste tipo de institucións en toda a provincia.