Nova

Compartir

A Xunta destaca o éxito da campaña de verán do 2020 que finaliza sen casos covid-19 e cunha alta participación

Galicia foi unha das tres comunidades nas que se mantivo a campaña de verán xunto con Cantabria e Cataluña e a segunda con maior número de prazas ofertadas

Elaborouse un protocolo específico de actuación ante a covid-19 con medidas de redución de aforo, configuración de grupos reducidos ou reforzo de persoal

Puxéronse á disposición dos profesionais dúas edicións de cursos formativos nos que participaron 1.150 persoas

Ampliáronse en 11 o número de instalacións e ofrecéronse 6.800 prazas entre campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado

Creáronse 650 contratos novos no sector do ocio e o tempo libre

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2020.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou o éxito da campaña de verán do 2020, que rematou este sábado sen ningún caso positivo de covid-19 e cunha alta participación entre as súas actividades. Fíxoo durante a presentación do balance das actividades onde explicou que este resultado é froito da previsión e a implicación das mozas e mozos e do equipo de monitores.

Neste sentido, sinalou que esta previsión permitiu que Galicia se convertera nunha das tres comunidades nas que se mantivo a campaña de verán, xunto con Cantabria e Cataluña, e na segunda cun maior número de prazas ofertadas. Unha decisión valente, concretou, que culmina cunha alta participación e sen casos positivos de covid-19 entre usuarios e traballadores.

Fabiola García lembrou que o Goberno galego dotou estas actividades dun protocolo específico de actuación ante a covid-19, elaborado polo comité clínico de expertos, no que se recollen medidas como: a redución do aforo en todas as instalacións, a configuración de grupos reducidos, o reforzo do persoal ou o incremento das medidas hixiénico-sanitarias.

Así mesmo, púxose á disposición dos profesionais do ocio e o tempo libre dúas edicións de cursos formativos para dar a coñecer este protocolo. Uns cursos nos que participaron máis de 1.150 persoas. Tamén se ampliaron en once o número de instalacións para acoller estes programas ata as 35. Esta ampliación de espazos permitiu manter unha elevada oferta de prazas. En concreto, ofertáronse 6.800 prazas entre campamentos, campos de voluntariado e minicampamentos.

Ademais, Fabiola García apuntou que esta campaña de verán tamén se traduciu en novos postos de traballo no sector do ocio e o tempo libre. En concreto, neste punto creáronse 650 contratos novos.

Minicampamentos

Por outra banda, a conselleira puxo en valor que, ante unha situación tan complicada e novidosa, a Xunta seguise mellorando a oferta con novas instalacións e actividades. Unha delas foi o programa de minicampamentos ‘Coñece Galicia’, organizados en conxunto coa Consellería de Cultura, nos que se ofrecían aloxamentos de luns a venres en establecementos turísticos de toda Galicia a nenas e nenos de entre 10 e 14 anos.