Nova

Compartir

A Xunta pon en marcha 13 novas casas niño para ofrecer un servizo de conciliación ás familias do rural

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle o listado de novas axudas concedidas nesta convocatoria, a quinta desde a implantación do programa en 2016

Tres concellos da provincia da Coruña contarán con este recurso (Vilarmaior, Aranga e Moeche); outros tres da de Lugo (Láncara, Navia de Suarna e Samos); cinco en Ourense (Cortegada, Castrelo do Val, Verea, Quintela de Leirado e San Xoán de Río) e outros dous en Pontevedra (Pazos de Borbén e Fornelos de Montes)

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2020.- A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas para a creación de 13 novas Casa niño no rural. Actualmente Galicia dispón de 68 destes recursos de conciliación en municipios de menos de 5000 habitantes. Trátase da quinta convocatoria desde que se puxo en marcha o programa, no ano 2016.

En concreto, as persoas beneficiarias proxectan a apertura de Casas niño en tres concellos da provincia da Coruña (Vilarmaior, Aranga e Moeche); outros tres da de Lugo (Láncara, Navia de Suarna e Samos); cinco en Ourense (Cortegada, Castrelo do Val, Verea, Quintela de Leirado e San Xoán de Río) e outros dous en Pontevedra (Pazos de Borbén e Fornelos de Montes).

As Casas niño son un recurso de atención á infancia para os concellos do rural que ofrecen unha atención totalmente gratuíta para as familias, próxima e individualizada aos máis pequenos. Cada centro pode acoller ata a cinco nenos. Trátase dun programa pioneiro que ten como obxectivo dotar a todos os concellos de Galicia dun servizo de conciliación.

As persoas beneficiarias teñen un prazo de dez días para aceptar a axuda. Así mesmo, terán dous meses para achegar toda a documentación requirida se non o fixeron no momento da solicitude e acreditar que o inmoble onde se vai poñer en marcha o servizo está acondicionado.