Nova

Compartir

Mozas e mozos de 12 a 14 anos desfrutan da experiencia dun verán nunha granxa escola de Fornelos de Montes dentro da campaña estival da Xunta

Ocúpanse do coidado dos animais e ademais practican deporte no rocódromo, conducen quads, realizan rutas de interpretación ambiental e obradoiros de cociña, entre outras actividades

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou esta mañá aos participantes nesta iniciativa

Fornelo de Montes (Pontevedra), 24 de xullo de 2020.- A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, valorou hoxe como moi positiva a experiencia que están a vivir as mozas e mozos do campamento que ten lugar na Granxa Escola O Kirico. Este campamento é unha novidade dentro da oferta de actividades da Campaña de Verán da Xunta de Galicia.

Mañá sábado é a última xornada de convivencia para as rapazas e rapaces de entre 12 e 14 anos que desde o pasado día 19 se dan cita neste campamento. Durante estes días desfrutaron dun amplo programa de actividades de carácter lúdico e formativo. Os participantes tiveron a oportunidade de coñecer os animais da granxa ao encargarse de alimentalos e coidalos; e tamén desenvolveron outras actividades como rocódromo, quads, slackline, tiro con arco, obradoiros de cociña ou rutas de interpretación ambiental.

Como en todas as actividades da Campaña de Verán deste ano, neste campamento séguese o protocolo de actuación establecido polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19 e garantir deste xeito a maior seguridade aos participantes.

Ademais deste campamento, outras novidades da Campaña de Verán na provincia de Pontevedra son os campamentos no colexio Cemar (Mondariz Balneario) e no albergue de Tomiño; o que terá lugar no albergue Vicente Agulló de Lalín; e os programados na Residencia de tempo libre de Panxón (Nigrán) e no Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico (Vigo).

Para os campamentos de verán de nenos de 9 a 17 anos, a Consellería de Política Social oferta na provincia pontevedresa 1.065 prazas; 289 nos minicampamentos Coñece Galicia que organiza coa Consellería de Cultura e Turismo; e 108 nos campos de voluntariado só para mozos galegos de 18 a 30 anos.