Nova

Compartir

Fabiola García visita o Punto de Encontro Familiar de Pontevedra

Pontevedra, 1 de xullo de 2020.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou esta tarde o Punto de Encontro Familiar (PEF) de Pontevedra, un dos sete que conforman a rede da Xunta de Galicia. Fabiola García trasladou ás familias a decisión adoptada polo Consello da Xunta hai dúas semanas de ampliar o horario de apertura destes servizos aos sete días da semana, en lugar de cinco como acontece na actualidade.

A conselleira destacou a importancia dos PEF para previr e diminuír escenarios de conflito nas familias, en especial cando estas atravesan un proceso de separación. Estes servizos serven de enlace entre os proxenitores e as súas fillas e fillos, para favorecer os vínculos e unha relación estable e normalizada.

Esta medida implantarase paulatinamente, en función da demanda que teñan estes servizos. De feito, o novo horario xa é unha realidade no PEF da Coruña; e os próximos en adoptalo serán o de Vigo, o de Pontevedra e o de Santiago de Compostela. Trátase de que os sete puntos de encontro —situados un en cada gran cidade— estean canto antes de luns a domingo á disposición das familias.

Con este reforzo cada un dos PEF poderá realizar 50 intervencións máis por semana, o que suporá aumentar en 150 as persoas atendidas semanalmente no conxunto da rede autonómica. O aumento dos días de apertura destes puntos de encontro tamén dá resposta ás novas situacións de desaxuste familiar que se puideron ocasionar a raíz da emerxencia sanitaria provocada pola covid-19, e que motivou a suspensión temporal da actividade presencial destes servizos.