Nova

Compartir

A Xunta ofrece na provincia de Pontevedra 108 prazas en 7 campos de voluntariado para este verán

Desenvolveranse en distintas quendas nas Illas Cíes, en Lalín, Salvaterra do Miño, O Grove, Campo Lameiro, Vilanova de Arousa e Cerdedo-Cotobade

Póñense á disposición dos maiores de 18 anos de Galicia baixo as medidas de prevención e seguridade ditadas polas autoridades sanitarias
 

Pontevedra, 26 de xuño de 2020.- A Xunta de Galicia ten aberto xa o prazo para inscribirse nun dos 7 campos de voluntariado que oferta a Consellería de Política Social dentro da campaña O verán que necesitas na provincia de Pontevedra. Poranse á disposición dos maiores de 18 anos da comunidade un total de 108 prazas repartidas en campos adaptados ao novo escenario provocado pola crise sanitaria da Covid-19.

A situación provocada pola emerxencia sanitaria derivada da covid-19 fai moi necesario ofertar á mocidade un recurso de educación non formal para o tempo de lecer. Os campos de voluntariado son actividades encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a tolerancia e a solidariedade. Polo tanto, permitiralles beneficiarse, coas máximas garantías de prevención e hixiene, dunha experiencia enriquecedora.

Así mesmo, este ano hai tres novidades principais nesta iniciativa: os campos serán de ámbito autonómico con prazas só para mozos e mozas de Galicia; a convivencia será dun máximo de 12 persoas participantes, máis o equipo técnico; e as actividades desenvolveranse baixo as medidas de prevención e seguridade ditadas polas autoridades sanitarias.

Desta maneira, este ano repetiranse os campamentos das Illas Cíes, en tres quendas (do 17 ao 28 de xullo, do 2 ao 13 de agosto e no mesmo mes do 17 ao 28), cun total de 36 prazas e centrado en temas medioambientais. O resto de campamentos contan con 12 prazas cada un.

Tamén repite “A terra que habita no mar”, un campamento medioambiental situado no Grove con 12 prazas entre o 1 e o 12 de setembro. Vilanova de Arousa volverá tamén a ser escenario este ano da iniciativa “Salvemos a mar: plástico cero”, do 28 e xullo ao 8 de agosto. E en Cerdedo-Cotobade se desenvolverá “Fábrica da Luz”, do 18 ao 29 de agosto.

Como novidade, este ano, poranse en marcha campamentos de voluntariado en Lalín, Salvaterra do Miño e Campo Lameiro. Deste xeito, “Tradición en verde” desenvolverase en Lalín entre o 31 de xullo e o 11 de agosto, centrado en temas arqueolóxicos, ambientais e etnográficos. O campamento ambiental “Monte Castelo” levarase a cabo en Salvaterra do 19 ao 30 de agosto, e finalmente, “A Idade do Bronce” desenvolverase do 30 de xullo ao 10 de agosto en Campo Lameiro.

O prazo desta convocatoria pecharase 3 días antes do inicio de cada campo. As prazas serán adxudicadas, mentres existan vacantes, por orde de recepción. A solicitude presentarase mediante un formulario en liña, que estará dispoñible na páxina web xuventude.xunta.es, onde se pode consultar toda a información sobre esta actividade. A cota de inscrición para todos os campos é de 110 euros; con desconto dun 25% por Carné Xove, familia numerosa ou monoparental.