Nova

Compartir

Mañá abre o prazo de inscrición nos campamentos de verán da Xunta que contarán cun total de 6.872 prazas

A proposta de actividades inclúe campamentos de verán, campos de voluntariado, e como novidade minicampamentos de cinco días e actividades nas residencias xuvenís de Lugo e Ourense

Poderán participar mozas e mozos con necesidades especiais e ofértanse 132 prazas específicas para persoas con discapacidade de entre 11 e 40 anos

Elaborouse un protocolo específico ante a covid-19 no que se recollen medidas como a redución do aforo, o reforzo do persoal monitor e o incremento das medidas hixiénico sanitarias

A conselleira de Política Social, Fabiola García, presentou esta mañá a campaña de verán deste 2020

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2020.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada da directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, presentou esta mañá a campaña de verán para este 2020, que baixo o nome O verán que necesitas pon á disposición da mocidade 6872 prazas en diferentes actividades e campamentos de verán. A proposta de actividades, que comezarán na segunda quincena de xullo e se prolongarán ata comezos do mes de setembro, inclúe campamentos de verán, campos de voluntariado, e como novidade, minicampamentos e prazas en residencia xuvenís.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde que rexe a solicitude de praza para os campamentos en Galicia. Deste xeito, o prazo de solicitude abrirá mañá martes e terá unha duración de sete días hábiles. A conselleira destacou que o número de prazas é inferior á de anos anteriores debido á limitación do aforo establecido polas autoridades sanitarias por mor da covid-19, pero que se conseguiu acadar unha cifra relevante grazas á incorporación de instalación como as diferentes residencias de tempo libre de Galicia.

Entre as novidades deste ano está o incremento da variedade das actividades con campamentos de cociña no Centro Superior de Hostalería de Galicia, campamentos vinculados ao ámbito aeronáutico, á tecnoloxía ou ao coidado do medio ambiente, a posibilidade de que entidades xuvenís e grupos de mozas e mozos poidan realizar actividades propias en residencias xuvenís de Lugo e Ourense e minicampamentos de cinco días, de luns a venres, en establecementos turíticos.

Así mesmo, Fabiola García sinalou que un ano máis poderán participar todas as mozas e mozos de Galicia con independencia das súas capacidades ou necesidades especiais. Neste sentido, lembrou que existe unha convocatoria específica para as persoas con discapacidade de entre 11 e 40 anos dotada este ano con 132 prazas.

Protocolo específico

A conselleira asegurou que este programa pretende agradecer a nenos e pais o esforzo realizado durante os últimos meses de confinamento. Baixo o nome O verán que necesitas, esta campaña permitirá darlle as familias un servizo de conciliación atendendo sempre ás medidas de hixiene e seguridade que require actual situación.

Por iso, esta decisión foi consensuada co Comité Clínico, o cal ve viable a súa realización sempre que se garantan as medidas establecidas polas autoridades sanitarias como a redución do aforo nas instalacións para garantir o distanciamento de 1,5 metros, o reforzo do persoal monitor, que permitirá traballar en grupos máis reducidos nas actividades e o incremento das medidas hixiénico sanitarias.