Nova

Compartir

A Xunta presenta aos axentes sociais o paquete de medidas extraordinarias de conciliación para a infancia e a dependencia

Fabiola García sinala que a volta á normalidade fai preciso devolver os servizos de conciliación ás familias atendendo ás medidas de seguridade

Entre as medidas contémplase un Bono Coidado Extraordinario para a infancia e a dependencia, dotado de 500 euros ao mes, para que as familias contraten unha persoa ou empresa que realice os coidados

Tamén se propón axudar ás escolas infantís e centros de día a pagar os custes fixos das súas instalacións durante o cese da actividade

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2020.- A Xunta presentou esta mañá aos axentes sociais o paquete de medidas extraordinarias de atención á infancia e á dependencia posto en marcha polo Goberno galego para axudar á conciliación das familias no novo escenario creado pola covid-19. Foi nunha reunión por videoconferencia da Mesa de Diálogo Social á que asistiron a conselleira de Política Social, Fabiola García, e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

A conselleira de Política Social sinalou que a volta á normalidade fai preciso que as familias conten cos servizos de conciliación previos a situación de emerxencia sanitaria, sempre atendendo ás medidas de seguridade. Por este motivo, concretou, o Goberno galego impulsou unha baterías de medidas que buscan ofrecer unha alternativa aos coidados que se ofrecían anteriormente nos centros de servizos sociais.

Neste sentido, Fabiola García detallou que esta batería de medidas, dotada con 40 millóns de euros, axudará ás familias con fillos pequenos ou persoas maiores ou con discapacidade a cargo, así como a pequenas e medianas empresas que prestan estes servizos de conciliación e que tamén se viron afectadas polas consecuencias da crise sanitaria e o cese de actividade desde o pasado mes de marzo.

Axudas á infancia, á dependencia e ao sector

Entre as medidas presentadas atópase un Bono Coidado Extraordinario para a infancia, dotado con 500 euros ao mes, que permitirá ás familias con fillos de ata 12 anos pagar os servizos dun coidador ou empresa desde a segunda quincena de marzo ata o 31 de agosto. Os pais deben ter unha renda inferior aos 806 euros mensuais netos por unidade familiar, cun plus para as familias monoparentais ou cun só fillo. Así mesmo, tamén se porán en marcha a partir da segunda quincena do mes de xullo campamentos de verán para nenas e nenos de entre 8 e 18 anos.

No ámbito da atención á dependencia, o Goberno galego contempla un Bono Coidado Extraordinario para pagar servizos dunha persoa coidadora a domicilio, ben sexa directamente ou a través dunha empresa, tamén por un importe de 500 euros ao mes. Neste caso, a axuda está enfocada a persoas maiores ou con discapacidade usuarias dos centros de día ou ocupacionais, sen límite de renda. Paralelamente, tamén se impulsa unha liña de axudas para a atención terapéutica individual, dotada de 1 millón de euros para colaborar no pagamento de terapias de estimulación e rehabilitación.

Por outra parte, a Xunta propón unha serie de axudas a escolas infantís e centros para que poidan facer fronte aos custes fixos das súas instalacións durante este tempo de cese de actividade. No caso das escolas infantís esta axuda irá condicionada a que os centros se acollan á gratuidade para segundos fillos e sucesivos.

Así mesmo, desde a Consellería de Economía, Emprego e Industria estase reforzando a aposta tanto pola conciliación, como polo teletraballo, a dixitalización e a formación para compatibilizar a rendibilidade e a competitividade das empresas coas novas condicións de produción e traballo.

Neste sentido, destaca o Plan de Dixitalización do comercio, dos autónomos e das pemes co que se mobilizarán 40M€ para a transformación dixital de pequenas e medianas empresas, facilitar o teletraballo, impulsar a dixitalización no rural e na economía social, fomentar a internacionalización dixital ou modernizar o comercio de proximidade.