Nova

Compartir

A Xunta destina 380.000 euros a financiar tres novas unidades de atención temperá e consolidar outras tres na provincia de Lugo

O delegado territorial da Administración galega, José Manuel Balseiro, explicou que a cobertura deste servizo chega a 23 concellos lugueses

Estas unidades traballan para identificar, previr e actuar sobre os trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade

Lugo, 30 de maio de 2020.- A Consellería de Política Social vén de conceder axudas por importe de 378.819 euros para financiar seis unidades de atención temperá na provincia de Lugo, tres delas de nova creación.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou que esta liña de achegas cofinanciada polo Fondo Social Europeo vai dirixida a concellos ou agrupacións deles para sufragar a prestación deste servizo.

Na provincia de Lugo, as unidades de atención temperá dan cobertura a 23 municipios. As tres de nova creación que se financian nesta convocatoria son as impulsadas pola agrupación de concellos de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil; a dos municipios de Outeiro de Rei e Castro de Rei e a formada polas entidades locais de Friol, Begonte, Rábade, Guntín e Palas de Rei.

Ao mesmo tempo, destínanse axudas para consolidar outras tres unidades que viñan funcionando: a da agrupación de concellos de Antas de Ulla, Portomarín e Monterroso; a formada por Burela e Viveiro e a constituída por Mondoñedo, Abadín, Barreiros, Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto e Trabada.

As unidades de atención temperá son fundamentais para identificar e actuar sobre os trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade. O Goberno galego segue a apostar por este modelo baseado na prevención, a identificación e o tratamento precoz para dar resposta ás necesidades específicas que poidan presentar estes menores.

Cada unidade conta cun equipo interdisciplinar formado por un mínimo de tres profesionais de entre os seguintes graos: pedagoxía, psicopedagoxía, psicoloxía, logopedia, educación social, traballo social, maxisterio, enfermaría, terapia ocupacional, fisioterapia e medicina. Ademais, trátase de persoal que debe de estar especializado en desenvolvemento infantil e atención temperá.

A resolución foi publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia. O seguinte cadro recolle a listaxe de agrupacións de concellos beneficiarios e as achegas concedidas:

 

Agrupación de concellos

Importe máximo da axuda

Antas de Ulla, Portomarín e Monterroso

98.646 €

Mondoñedo, Abadín, Barreiros, Lourenzá, A Pastoriza,

A Pontenova, Riotorto e Trabada

110.918 €

Burela e Viveiro

103.019 €

Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil

12.296 €

Outeiro de Rei e Castro de Rei

12.389 €

Friol, Begonte, Rábade, Guntín e Palas de Rei

41.548 €