Nova

Compartir

A Xunta informa ás entidades sociais luguesas da nova convocatoria de axudas para programas de inclusión social, aberta ata o 11 de xuño

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e o delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, reuníronse con representantes de varios colectivos para explicarlles os detalles da orde de achegas, a maior da historia

Está dotada con 18,3 M€ para financiar durante os próximos dous anos gastos de funcionamento de centros, actuacións que complementen os servizos sociais básicos ou iniciativas de inclusión sociolaboral, entre outras accións
 

Lugo, 14 de maio de 2020.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, reuníronse hoxe por videoconferencia con entidades sociais da provincia luguesa para trasladarlles que ata o día 11 de xuño poden solicitar as axudas convocadas pola Administración galega para financiar actividades de inclusión social.

A xuntanza serviu tamén para coñecer as inquedanzas e necesidades plantexadas por estes colectivos sen ánimo de lucro e poñer á súa disposición a colaboración da Xunta. No encontro estiveron presentes Cáritas Lugo, Cruz Roja, Fundación Juan Soñador, Asociación Promoción e Integración Gitana e Aliad-Ultreia.

Na reunión informóuselles da nova orde de axudas que vén de publicar esta semana o Diario Oficial de Galicia (DOG), dotada con 18,3 millóns de euros para financiar actividades nos vindeiros dous anos dirixidas ás persoas e familias en situación ou risco de exclusión.

Ambos representantes autonómicos destacaron que se trata da maior convocatoria de subvencións para inclusión social da historia, que aumenta nun 22% o orzamento con respecto á anterior, a de 2018-2020. Trátase da sétima vez consecutiva que se aumenta o crédito desta liña de subvencións, que está cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

As entidades sociais que resulten beneficiarias destas axudas poderán destinalas a cubrir gastos de funcionamento dos centros de inclusión e emerxencia social, así como actuacións singulares que complementen os servizos sociais básicos. Estas achegas tamén se poden destinar ao financiamento de servizos de formación adaptada; intervencións en zonas de exclusión e apoio á inclusión sociolaboral; actuacións de inclusión da poboación inmigrante e investimentos en centros de inclusión e emerxencia social.

Así mesmo, destacaron que o reforzo desta orde de axudas contribuirá a paliar as consecuencias que está a ter a pandemia do COVID-19 nos colectivos máis desprotexidos, como son as persoas sen fogar, en risco de exclusión ou inmigrantes.