Nova

Compartir

A Xunta incrementa inicialmente en 300.000 euros as axudas sociais de emerxencia para atender as necesidades básicas das familias

Con este aumento os fogares que peor o están a pasar poden pagar facturas, comprar medicamentos ou produtos de primeira necesidade

O Goberno galego dotou de conexión wifi os centros de menores e distribuíu 40 ordenadores para permitir ás nenas e nenos manter contacto coas súas familias e seguir con normalidade o curso escolar

Púxose en marcha un novo centro de acollida na zona da Coruña para as nenas e nenos cuxa tutela se asuma nestas semanas, mentres non conten cun aloxamento definitivo

Santiago de Compostela, 4 de maio de 2020.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, salientou que a Xunta de Galicia incrementou en 300.000 euros as axudas de inclusión social (AIS) para atender as dificultades das familias. Estas axudas de emerxencia están destinadas a pagar facturas, comprar medicamentos ou produtos de primeira necesidade.

A conselleira trasladouno durante unha reunión que mantivo hoxe por videoconferencia coa Plataforma de Organizacións da Infancia (POI) e con Unicef. Este encontro serviu para escoitar as súas propostas de cara á etapa de desconfinamento e para poñer en valor o que está a facer o Goberno galego para amortecer os efectos que terá esta crise no tecido social.

O incremento das AIS non foi a única medida que se tomou para axudar ás persoas máis vulnerables. Mentres dure esta situación excepcional, a Xunta de Galicia está a adiantar nunha semana o pago da Renda social de Galicia (Risga) e introduciu melloras para axilizar a súa tramitación e que as axudas cheguen antes ás familias.

Medidas nos centros de menores

Para que as nenas e nenos que residen en centros de menores puidesen manter contacto coas súas familias e seguir con normalidade o curso escolar, Fabiola García explicou que o Goberno galego dotou de conexión wifi os centros de Galicia e distribuíu 40 ordenadores. Ademais, a conselleira quixo agradecer a Unicef a súa disposición para doar máis portátiles e tablets aos centros de menores da comunidade.

A maiores, para poder atender con normalidade as novas tutelas de menores que se están a asumir durante estas semanas, a Xunta de Galicia puxo en marcha un novo centro de acollida na zona da Coruña, onde residirán estas nenas e nenos mentres non teñan un aloxamento definitivo, cando toda esta situación remate.