Nova

Compartir

O blog 'A escola infantil na casa' posto en marcha pola Xunta rexistra máis de 33.000 visualizacións na súa primeira semana de funcionamento

Esta ferramenta permite que as nenas e nenos de 0 a 3 anos teñan material educativo que dea continuidade ás dinámicas das escolas infantís

Máis de 1500 profesionais das 172 escolas infantís da Rede Autonómica están a xerar novos contidos

A iniciativa foi eloxiada por Unicef Galicia o mesmo día do seu lanzamento

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2020.- O blog A escola infantil na casa posto en marcha pola Xunta rexistrou máis de 33.000 visualizacións na súa primeira semana de funcionamento nos 90 vídeos publicados con actividades para as nenas e nenos de 0 a 3 anos.

Os máis de 1500 profesionais das 172 escolas infantís da Rede Autonómica están a desenvolver un traballo importante para xerar material educativo que permita ás familias acompañar aos máis pequenos en xogos educativos que dean continuidade ás dinámicas que se levan a cabo dentro das escolas infantís.

Dada a boa acollida do blog, que foi moi eloxiado por Unicef Galicia o mesmo día do seu lanzamento, todos os profesionais seguen traballando na elaboración de novos materiais que segan aportando novidades en canto aos contidos e permita manter ese fío condutor entre as escolas e as familias.

A estas actividades didácticas teñen acceso todas as nenas e nenos de Galicia, non só aqueles matriculados nalgunha das escolas infantís autonómicas no enderezo electrónico: https://www.escolasinfantisdegalicia.es/aescolainfantilnacasa/.