Nova

Compartir

A Consellería de Política Social doa 4000 quilos de comida a entidades e servizos sociais municipais

Os alimentos entregáronse a preto de 70 concellos e entidades de toda a comunidade

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2020.- A Consellería de Política Social doou máis de 4000 quilogramos de alimentos a preto de 70 entidades e servizos sociais municipais de toda a comunidade galega. Esta doazón de alimentos provén da comida gardada nas cociñas da escolas infantís de titularidade pública autonómica da Rede Galiña Azul e que non se utilizará pola suspensión de actividade debido ao estado de alarma.

Desta maneira, as direccións das escolas infantís que pertencen á Consellería de Política Social reuniron alimentos que seguían almacenados nestes centros para doalos aos concellos e entidades e así poidan achegarllos a aquelas persoas que o precisan.

Entre a trintena de entidades que recibiron esta axuda encóntranse os Bancos de alimentos de municipios como Ames, Lugo, Santiago de Compostela e Vigo; os comedores sociais de Cangas e Marín; tamén diferentes delegacións de Cáritas e Cruz Vermella; SOS Tomiño; Mensajeros de la Paz Mondoñedo; Asociación Dignidade de Fene; Mos Axuda; o Centro San Aníbal de Burela; o Comedor San Francisco en Pontevedra e o Fogar Residencial Nuestra Señora del Carmen de Fisterra.