Nova

Compartir

O Goberno galego reforza o Servizo de Axuda no Fogar para responder á situación de emerxencia durante o tempo que dure a alerta sanitaria polo COVID-19

O presidente da Xunta resalta que os usuarios non deberán pagar nada e que con estas novas horas de axuda poderase atender a 12.500 fogares, sumándose aos 24.000 aos que Galicia xa atende na actualidade todos os días

Galicia non cobrará a cota do mes de abril e compensará a parte proporcional do mes de marzo aos usuarios de escolas infantís públicas -concertadas e de iniciativa social-, de centros de día de maiores públicos, de centros de día de atención ao alzhéimer e de centros día e ocupacionais para persoas con discapacidade, tanto públicos como de iniciativa social

Feijóo confirma o incremento dun 22% a orde de axudas a entidades de inclusión social, “o programa máis grande da historia da Comunidade Autónoma”, di

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2020.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, o reforzo do Servizo de Axuda no Fogar para a atención a persoas dependentes, coa asignación de 500.000 novas horas de coidado a domicilio ao mes, para responder á situación de emerxencia durante o tempo que dure a alerta sanitaria.

Para esta nova medida, Feijóo subliñou que a Xunta destinará 6 millóns de euros mensuais, por tanto tempo como dure a situación de emerxencia, co obxectivo de proporcionar unha atención profesional adecuada a todos os casos urxentes que detecten os servizos sociais básicos, con independencia da fase na que se atope a tramitación do seu expediente de valoración de dependencia.

Logo de resaltar que ao tratarse dun servizo de emerxencia, os usuarios non deberán pagar nada, o responsable do Executivo galego explicou que con estas novas horas de axuda poderase atender a 12.500 fogares, sumándose aos 24.000 ás que Galicia xa atende na actualidade todos os días. E subliñou que estas horas poranse a disposición dos concellos para asignalas a aqueles casos que sexan considerados máis urxentes polos servizos sociais municipais.

Escolas infantís e centros de atención diúrna para maiores e discapacidade

Como segunda medida, o responsable do Goberno galego subliñou que a Xunta non cobrará a cota do mes de abril e compensará a parte proporcional do mes de marzo aos usuarios de escolas infantís públicas -concertadas e de iniciativa social-, de centros de día de maiores públicos, de centros de día de atención ao alzhéimer e de centros día e ocupacionais para persoas con discapacidade, tanto públicos como de iniciativa social.

Esta iniciativa beneficiará a máis de 22.300 familias de toda Galicia, é dicir, aos máis de 13.700 que teñen unha filla ou fillo nunha escola infantil pública ou suxeita a prezos públicos; e aos máis de 8.600 fogares que empregan algún dos centros de día ou ocupacionais.

Segundo explicou, esta iniciativa suporá un impacto de máis 2,6 millóns de euros, que deste xeito poderán quedar nos fogares.

A Xunta incrementa un 22% a orde de axudas a entidades de inclusión social

Por último e como terceira medida, Feijóo confirmou que a Xunta incrementará un 22% a orde de axudas a entidades de inclusión social, “o programa máis grande da historia da Comunidade Autónoma”, dixo. Deste xeito, todas estas asociacións terán á súa disposición unha asignación do Goberno galego de máis de 18,3 millóns de euros, para desenvolver actividades nos dous vindeiros anos. Ademais, increméntase nun 33% o número de persoas beneficiarias con respecto á convocatoria anterior.

A través desta liña, as entidades poderán cubrir gastos de funcionamento dos centros de inclusión e emerxencia social, así como actuacións singulares que complementen os servizos sociais básicos. Estas achegas tamén se poden destinar ao financiamento de servizos de formación adaptada; intervencións en zonas de exclusión e apoio á inclusión sociolaboral; actuacións de inclusión da poboación inmigrante e investimentos en centros de inclusión e emerxencia social.