Nova

Compartir

As persoas voluntarias do teléfono social da Xunta comezan o seu labor de apoio e acompañamento a aqueles que o necesiten

Preto dun centenar de inscritos realizarán asistencia telefónica a aqueles que se sintan sós, de xeito preferente a persoas maiores

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2020.- O teléfono social da Xunta de Galicia completa o seu servizo co inicio da actividade de voluntariado a partir deste venres. Preto de 100 persoas ofrecéronse para realizar apoio e acompañamento telefónico aos cidadáns que o precisen durante este estado de alarma, maioritariamente persoas maiores que se sintan sós e queiran conversa.

Cómpre recordar que o Goberno galego reforzou o actual teléfono do voluntariado (900 400 800) cun servizo de axuda aos cidadáns, no que se lle dá prioridade a aquelas chamadas que alerten de situacións de vulnerabilidade ou emerxencia social. Este teléfono permitiu a creación dunha rede de voluntarios que centrará os seus esforzos no acompañamento telefónico.

Logo de recompilar os datos daquelas persoas que queren axudar como voluntarias, a partir deste venres comeza a súa actividade. Preto de 100 persoas realizarán acompañamento a través do teléfono, tras ser derivada a chamada desde o call center, a todos aqueles que se sintan sós. O seu labor será darlle conversa e prestarlle apoio se así o necesitan. Neste servizo colabora a Asociación galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal). O horario deste servizo a cargo das persoas voluntarias será de 10,00 a 15,00 horas e de 16,00 a 20,00 horas.

Máis servizos do teléfono social

Ademais da creación desta rede de voluntariado, o teléfono social conta cun servizo de axuda aos cidadáns, no que se lle dá prioridade a aquelas chamadas que alerten de situacións de vulnerabilidade ou emerxencia social.

Deste xeito, ofrécese asesoramento en diferentes eidos. O persoal que o atende responde a todo aquel que chama en horario de 8,00 a 20,00 horas os sete días da semana e resolve dúbidas básicas relacionadas co COVID-19, tal e como vén facendo o teléfono do 012, que é o que se debe utilizar de xeito preferente.

Así mesmo, serve para alertar de posibles casos de especial vulnerabilidade e emerxencia social, sexan propios ou alleos. Este servizo de atención será reforzado con traballadoras sociais da Consellería de Política Social, para dar unha resposta áxil e atinada en cada caso. Nesta iniciativa colabora o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia..

Tamén están á disposición daqueles que necesiten apoio psicolóxico especializado e derivaráselles a un/unha profesional deste ámbito, se é necesario.