Nova

A Xunta destaca o papel das Casas Niño que neste ano se estenderán a todos os concellos sen servizo de conciliación

O delegado territorial visitou a casa niño de Santiso que abriu o 8 de abril de 2019 e atende a 5 nenos do Concello, o máximo permitido pola orde

O delegado territorial da Xunta na Coruña lembrou que a partir de abril as escolas infantís públicas e privadas serán gratuítas para os segundos e sucesivos fillos
 

Santiso (A Coruña), 13 de xaneiro de 2020.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a casa niño de Santiso e puxo en valor o este recurso de conciliación que tan boa acollida está tendo nos pequenos concellos. Concretamente, na provincia de A Coruña están en funcionamento dúas casas niño en Frades, unha en Dumbría, unha en Irixoa, unha en Vilarmaior e esta de Santiso. Aprobadas na convocatoria de 2019 para a súa creación están as de Cerdido, As Somozas, Toques e Vilasantar.

Ovidio Rodeiro lembrou que “as casas niño son gratuítas e que foron o primeiro paso cara á universalización da atención aos nenos de 0 a 3 anos”. No caso concreto de Santiso, esta casa niño abriu as súas portas o 8 de abril de 2019 e atende, neste momentos, a 5 nenos o máximo permitido pola orde. O horario de apertura é de 8.00 a 15.00 horas. A beneficiaria desta axuda contou cunha partida inicial de 15.000 euros para levar as obras necesarias na vivenda ou local para adaptala á prestación deste servizo e a achega anual para a atención educativa ascende a un máximo de 19.500 euros ao ano.

O representante do Goberno autonómico destacou que “seguiremos impulsando este tipo de servizos de conciliación entre os concellos que non teñen ningún recurso de conciliación”. Ademais, lembrou que farase unha convocatoria extraordinaria de axudas para estender este servizo ao 100% dos municipios.

Con este obxectivo os orzamentos de 2020 inclúen unha partida de 620.000 euros que permitirá abrir casas niño en localidades que non teñen nin escola infantil nin punto de atención á infancia. Ademais, incrementarase ata os 22.000 euros por exercicio (un 12% máis que na actualidade) a remuneración que perciben as persoas responsables das casas niño que xa levan tres anos funcionando.

As casas niño son unha mostra da aposta do Executivo autonómico por facer máis doada a vida das familias, que fan de Galicia a Comunidade Autónoma con máis axudas para a crianza dun fillo e para conciliar. Neste compromiso enmárcanse feitos como a creación de novos recursos de conciliación e atención aos nenos e aos maiores no rural ou a ampliación da tarxeta benvida.

Escolas infantís

Ovidio Rodeiro tamén lembrou que Galicia iniciará neste 2020 a universalización da educación infantil, que permitirá que a partir do 1 de abril as escolas infantís de 0 a 3 anos sexan gratuítas para todas as familias galegas para os segundos fillos e sucesivos.

A gratuidade para os segundos fillos e sucesivos implantarase tanto nas 173 escolas públicas da Xunta como nas 260 escolas infantís privadas e de iniciativa social, tanto nas que xa están concertadas a día de hoxe como nas que non o están. Destas últimas, as que desexen voluntariamente adherirse a esta medida contarán co apoio económico do Goberno galego.

Esta iniciativa, pioneira e sen precedentes en toda España, beneficiará ás familias duns 12.500 nenos. Para levala a cabo a Xunta investirá neste 2020 máis de 14 millóns de euros.