Nova

A Xunta de Galicia inviste máis de 860.000 euros na Cociña Económica de Santiago nesta lexislatura

Fabiola García destaca a baixada da taxa Arope de risco de pobreza, que se sitúa en mínimos da serie histórica: no 18,95%, segundo a última Enquisa estrutural de fogares que hoxe deu a coñecer o Instituto Galego de Estatística (IGE)

Santiago de Compostela, 27 de decembro de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, destacou esta mañá, durante a visita á Cociña Económica de Santiago, o investimento de máis de 860.000 euros que a Xunta de Galicia destinou a esta entidade no que levamos de lexislatura. Un apoio a esta institución, con máis de 120 anos de historia e que atende ao arredor de 150 persoas diariamente, que demostrou tamén compartindo mesa coas persoas usuarias.

Fabiola García sinalou que estas datas do ano tan especiais deben servir tamén para reflexionar como podemos axudar aos demais, como o fan os 365 días do ano as persoas que forman parte desta cociña económica. Ademais, garantiu que a Xunta de Galicia seguirá a traballar da man das entidades e dos concellos para ofrecer cada día mais recursos aos que peor o están a pasar.

Neste compromiso coas persoas en situación de rúa, a conselleira enmarcou o primeiro Plan de atención ás persoas sen fogar con medidas como a creación de novas unidades de atención residencial en Padre Rubinos, na Coruña; ou o novo albergue de Dignidad na cidade de Vigo.

Melloría nas condicións de vida das familias

En relación coa Enquisa estrutural de fogares que hoxe deu a coñecer o Instituto Galego de Estatística (IGE), a conselleira de Política Social puxo en valor os datos que son significativos da mellora nas condicións de vida das galegas e galegos. O primeiro é a baixada por terceiro ano consecutivo da taxa Arope de risco de pobreza, que se sitúa en mínimos da serie histórica: no 18,95%. O segundo, que esta baixada é especialmente acusada entre os menores de 16 anos, polo que cada vez hai menos nenas e nenos nunha situación delicada.

En terceiro lugar, a cifra de fogares que chegan con algunha dificultade a finais de mes está tamén en mínimos desde que existen datos. De feito, desde o ano 2007, en plena bonanza económica, esta taxa reduciuse en 20 puntos.