Nova

A Xunta incrementa ata 295 as prazas do programa Xuntos polo Nadal para ofrecer compañía ás persoas maiores que viven soas

Esta iniciativa acolle a 35 persoas maiores máis que durante o ano pasado entre os centros do Carballiño, Panxón e, por vez primeira, o espazo xuvenil Lug II

O Carballiño (Ourense), 26 de decembro de 2019.- A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou hoxe, acompañada da delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, aos usuarios do programa Xuntos polo Nadal na residencia de tempo libre do Carballiño, onde pasarán estas datas. Alí destacou que o obxectivo da Xunta de Galicia é evitar a soidade de todas as persoas maiores no Nadal para o que se incrementaron este ano en 35 as prazas desta iniciativa ata acoller a 295 usuarios.

Fabiola García sinalou que desde este luns e ata o 7 de xaneiro as persoas que se benefician deste programa poderán celebrar estas datas en compañía. Na residencia de tempo libre do Carballiño pasarán o Nadal máis dun centenar de maiores, ao igual que na de Panxón e outro medio cento, por vez primeira, no centro de Lug II.

Este programa está dirixido a persoas que superan os 60 anos e que viven soas nos seus domicilios. Na selección dos participantes dáse preferencia aos de máis idade, aos que non participasen en edicións anteriores e aos que teñan menos ingresos. De feito, aquelas persoas con ingresos inferiores ao Iprem (537 euros) asisten de forma gratuíta e aquelas que estean por riba desta contía abonan o prezo simbólico de 50 euros, que ademais da estadía e manutención inclúe a viaxe desde as súas lugares de orixe á residencia e tamén o regreso unha vez finalizada a estancia.

Así mesmo, a conselleira lembrou que o Goberno galego seguirá atendendo e coidando cada día máis das persoas maiores. Neste sentido, asegurou que a Xunta traballa na elaboración dun novo plan contra a soidade non desexada que permita achegarlles programas de atención a estas persoas como o Servizo de Asistencia no Fogar, o programa Xantar na casa ou o autobús de coidados porta a porta.