Nova

Publicada a resolución das axudas para a creación doutras 15 Casas Niño no rural

O Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado martes recolle as solicitudes beneficiadas desta nova convocatoria de achegas, a cuarta desde a implantación do programa en 2016

Catro concellos da provincia da Coruña contarán con este recurso (Cerdido, As Somozas, Toques e Vilasantar); outros catro da de Lugo (Baleira, Navia de Suarna, Ribas de Sil e Samos); seis en Ourense (Vilar de Barrio, Punxín, Rairiz de Veiga, Petín, Larouco e Montederramo) e outro en Pontevedra (Pazos de Borbén)

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2019.- A Xunta de Galicia publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado martes, día 24, a resolución das axudas para a creación de 15 novas Casa niño no rural. Esta é a cuarta liña de subvencións lanzada polo Goberno galego desde que se implantou este programa no ano 2016 e que permitiu poñer xa en funcionamento 60 recursos de conciliación deste tipo en municipios de menos de 5000 habitantes.

As persoas beneficiarias disporán dun prazo de dous meses contados a partir da publicación desta resolución no DOG para achegar toda a documentación requirida no caso de que non fora achegada coa solicitude, así como para acreditar o acondicionamento do inmoble. Este prazo será de tres meses no caso das cooperativas de traballo asociado en proceso de constitución.

En concreto, as persoas beneficiaras destas axudas proxectan a apertura de Casas niño en catro concellos da provincia da Coruña (Cerdido, As Somozas, Toques e Vilasantar); outras catro en municipios da provincia de Lugo (Baleira, Navia de Suarna, Ribas de Sil e Samos); seis en localidades pertencentes a provincia ourensá (Vilar de Barrio, Punxín, Rairiz de Veiga, Petín, Larouco e Montederramo); e unha na provincia de Pontevedra (Pazos de Borbén).

As Casas niño son pequenas escolas infantís que atenden cada unha delas a un máximo de cinco nenas e nenos de 0 a 3 anos. Son totalmente gratuítas para as familias. O obxectivo da Xunta é que todos os concellos teñan a posibilidade de ter un recurso de conciliación ao remate da lexislatura.