Nova

Política Social celebrará novas fases finais do programa Xuventude Crea 2019 durante este mes

Resolveranse as especialidades de Moda, Deseño de xoias, Artes plásticas, Fotografía, Danza moderna, Teatro e Cociña

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2019.- O programa Xuventude Crea 2019 da Xunta de Galicia afronta este mes de novembro as fases finais doutras sete das súas 13 modalidades, unha vez que xa se resolveron as de Música, Graffiti e Videocreación no marco do encontro Mocidade celebrado do 25 ao 27 do mes pasado na Cidade da Cultura. As especialidades que se resolverán agora en diferentes espazos emblemáticos da capital galega, son as de Moda, Deseño de Xoias, Artes Plásticas, Fotografía, Danza, Teatro e Cociña.

Así, as finais de Moda e Deseño de xoias levaranse a cabo no centro comercial As Cancelas a partir do martes 12 de novembro ás 17,00 horas. As creacións das persoas participantes permanecerán expostas nestas instalacións durante dúas semanas, co fin de que o público xeral poida comprobar o talento da xuventude galega en ambas dúas disciplinas.

A final das categorías de Artes plásticas e Fotografía terá como escenario a Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. Desde o venres 15 de novembro e ata o 19 de decembro estarán expostas neste recinto as propostas das mozas e mozos finalistas.

Dentro das artes escénicas, o IES Rosalía de Castro acollerá os días 11, 13 e 14 de novembro pola tarde, a competición de Teatro. Ademais, o Teatro Afundación acollerá a fase final da nova categoría do Xuventude Crea 2019, a de Danza moderna. Neste caso, a cita será o 25 de novembro ás 18,30 horas. Nos dous casos, o acceso é libre e gratuíto.

Por último, a praza de Abastos é o emprazamento escollido para a final de Cociña, que se celebrará o sábado 30 de novembro. Pola súa banda, e ao igual que en anos anteriores, os premios de Poesía, Relato breve e Banda deseñada daranse a coñecer na páxina web de Xuventude trala resolución do xurado.

Gañadores de Graffiti, Música e Videocreación
En canto ás tres categorías que xa se coñecen as gañadoras e gañadores, e que se disputaron na Cidade da Cultura no marco do encontro Mocidade, cómpre indicar que na de Graffiti o primeiro premio foi para Miguel Aurelio Cajaraville Mosquera (Baiona) pola súa obra "Cor de corral". En segundo e terceiro lugar quedaron Margot Rodríguez Salvador (Pontedeume) con "Leonesa con bengala" e Fernanda Rodríguez Miguelez (A Coruña) con "Camiñando entre nos", respectivamente. Tamén se concedeu unha mención de honra a Adrián Lomba Balea (Vigo) pola obra “Octopoda grafitae”.

Na categoría de música, o gañador foi Sherchelios (Vigo) coas cancións “Cantiga de sal” e “Inverno en Cangas”. En segunda posición quedou Golden Wolves (Xinzo de Limia) coas cancións “GZ” e “Savage”. E o terceiro galardón foi concedido de forma compartida a Denis (Vigo) con “Figuras molladas” e “Supreme” e a Queridiño (O Carballiño) con “Poniente” e “Your name”.

A final do apartado de videocreación quedou como primeiro clasificado Paula Valiño Rivera (Ames) con “Reciprocidade: entre o medo e a vontade”. O segundo posto conseguiuno Nicolás Vázquez Ben (Vigo) coa proposta “Fuga” e o terceiro Catuxa Negreira Cousillas (Santiago) con “Metamorfosis”.

O Xuventude Crea ten por finalidade poñer en valor o talento, creatividade e innovación de mozas e mozos entre os 16 e os 30 anos. Os premios en cada unha das categorías son de 3000 euros para o gañador, 1500 euros para o segundo e 1000 euros para o terceiro clasificado. Un total de 381 mozas e mozos participaron nesta edición do programa cos seus diferentes proxectos.