Nova

A Xunta gaba o labor da Fundación JuanSoñador de Lugo na inserción laboral das persoas en risco de exclusión

O centro realizou unha entrega de diplomas ós usuarios que realizaron o curso Hixiene e aseo da persoa dependente

Lugo, 8 de novembro de 2019.- O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou esta mañá a Fundación JuanSoñador de Lugo onde gabou o seu labor na inserción laboral das persoas en risco de exclusión. A entidade realizou ademais unha entrega de diplomas ós usuarios que realizaron o curso de Hixiene e aseo da persoa dependente.
A iniciativa atópase no marco do programa Más Empleo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e a Fundación La Caixa, e nela participaron 20 mulleres de dez nacionalidades diferentes e cunha media de idade de 42 anos. O curso está composto por 30 horas teóricas e a maioría dos usuarios están realizando outras 40 horas prácticas non laborais.
O director xeral destacou a importancia de que as diferentes administracións colaboren no impulso de iniciativas coma esta para acadar a plena inclusión dos diferentes colectivos da sociedade. Un labor para o que, sinala, sempre contarán co apoio da Xunta de Galicia.